Tempos pasados

Francisca Rodríguez

RELATOS DE VERÁN

Relato de verán de Francisca Rodríguez, 85 anos, O Ourovello (Paderne)

20 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os nenos de hoxe non saben o valor da horta. Cando eu era unha nena (fun filla de labrego e labrega) o noso sustento saía da terra.

Preto da casa había unha leira de poucos metros cadrados. Era un recuncho onde os máis cativos plantabamos, imitando ós maiores. Iniciándonos no seu oficio, que co tempo sería o noso. Alí tiñamos de todo. Recordo a mamá cando facía a semente das patacas e nos daba unhas poucas para a nosa pequena leira. Uns grans de maínzo, fabas, melóns?

No rueiro había tres casas e moitos nenos, pero sabiamos moitas cousas que hoxe non saben. Coñeciamos as plantas, os cheiros, o valor das cousas, a atención aos anciáns, o coidado dos animais, etcétera.

Era unha aprendizaxe que consistía en vivir en contacto coa natureza e respectala. Daqueles nenos moi poucos fixeron carreira. Os nosos pais non tiñan cartos para pagala, mais ensináronos outras cousas moi necesarias na vida. Ser honesto e traballador. Aprender a vivir con menos e non ter complexo polo que a nosa vida fose.

Teño oitenta e cinco anos e gustaríame que os nenos de hoxe coñeceran algo da nosa vida. O valor que lle dabamos a encher un cesto de castañas. Subir a unha cerdeira, fartarse de cereixas e traer para que comeran os da casa. Muxir as vacas a man. Tomar o leite fresco no verán. Apacentar unha ou dúas vacas presas por unha corda ao redor das leiras. Ir á taberna cunha botella para traer gas de alumear, ou aceite para facer os guisos.

Un mundo duro e doce ao mesmo tempo, que só queda no recordo dos máis vellos e non volverá máis.