Relato de verán de Santiago Casal, Mera (Oleiros)
19 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O Faneca nacera en Burés torto e orfo de pai nos anos en que España durmía a sesta interminable. O tempo semellaba terse detido, con toda a sociedade descabezada, baixo palio e sen tan sequera asomo de esperanza en que as cousas puideran ser doutro xeito.
Dende os primeiros anos na escola, o Faneca apuntaba maneiras. Os santos oficios, a disciplina, o sometemento á autoridade non ían con el, que era feliz sen necesidade de que os salvadores da patria meteran os fociños na súa existencia inocente.
Cando, máis tarde, foi declarado prófugo, meteulle un tiro ó xeonllo dereito e librou por coxo. Dende aquela a Garda Civil agardaba o momento de facerllas pagar, e cada vez que se denunciaba o roubo dunha galiña ou a profanación da sancristía, o Faneca recibía unha malleira no calabozo de Rianxo. Tamén cando se negaba a integrar as quendas que lle traballaban as propiedades ao cura, un fascista que amasara unha fortuna coa lei non expresa de manter o medo na poboación. Pero o Faneca tiña o pelexo duro e volvía á súa vida de lobo estepario, que non recoñecía máis autoridade que a morte. E aínda dela non tiña temor bastante como para mudar os seus costumes.
Unha mañá de setembro a filla do secretario municipal foi vexada por un encapuchado cando volvía á casa, logo de celebrar as festas de Guadalupe. A Garda Civil e os murmurios das beatas apuntaron ao Faneca, a pesar dos testemuños da rapaza en contra daquel linchamento. Logo dun proceso viciado, fusilárono contra os paredóns da praia de Tanxil cando aínda non amencera. Non quixo vendas nos ollos, para poder morrer encarando aos seus asasinos.
Ao día seguinte, o pobo, descabezado, seguiu a mergullarse na sesta interminable.