Nas miñas liñas

Marisol Mejuto

RELATOS DE VERÁN

Relato de verán de Marisol Mejuto, estudante, 17 anos. Liáns (Oleiros)

07 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Son as tres da mañá. Dunha noite calquera. As fiestras están pechadas. Na cabeza tés esa brisa forte, que corre entre a herba alta. Se non dormes, por algo será. Fóra chove. Non porque sexa Galicia, nin verán.

No borde da cama cólganche as pernas. E séntese como o linde dun cantil tentador. ¿Saltar? O cuarto está enchido de silencio. Escoitas ruxir o mar. Pode que non sexa o mar, o ruído e o mesmo. Son as palabras baleiras que non levou o vento. E agora baten contra as rochas.

Das un paso, e despois outro. A teoría é sinxela. A cama, incómoda. Prometéranche soños. Vendiches a túa alma e incluíron pesadelos. O café non sabe como esperas. E non será por azucre.

Respiras con dificultade. Como se afogases. E xa estás fumando outra vez. Coa rabia dun neno que non ten amigos, a arrogancia do que nunca se viu frustrado, inocencia de quen nunca falou coa morte. Coma sempre, morreuche o cacto da cociña. Ás veces é só deixalo. Déixao. Non regues unha flor morta. Déixate en paz, non en pezas.

Es só unha canción triste sen nada que dicir. Estás cheo de poesía sen escribir.

E eu. Eu quero ser poeta. Máis ninguén é de onde quere.

Son as tres da mañá. Desa noite calquera. Abrín a fiestra. Gústame colgar as pernas pola ventá e deixarme losquear polo vento. Non chove, non porque sexa Galicia, nin verán. Gustaríame que pensases en min. Que non durmises. Nin ás tres, ni ás catro, nin ás cinco.

Pero ti só existes nas miñas liñas.

Sen mágoa, trabo no meu beizo cando esa última palabra non sae. A alba vai quedar sen admiradores. Mais querer contar algo non implica sempre ter algo que dicir; e así nacen os escritores.