Lonxe

Eduardo Lampón

RELATOS DE VERÁN

Relato de verán de Eduardo Lampón, 17 anos. A Coruña

05 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Encóntrase lonxe. Lonxe da terra que non volverá a pisar e da familia á que non vai ver máis se unha bala o alcanza. Lonxe de tódalas cousas nas que non pensou cando subiu nun camión empuñando o fusil. E nas que agora non pode deixar de pensar.

Difíciles sonlle de recordar hoxe as proclamas que o arrastraron tempo atrás, aínda que o xeneral as repite como o canto do galo. Os berros de guerra non son xa alento para quen se esperta pensando que pode estar vendo o último amencer.

O único que o motiva a seguir pegando tiros contra a outra trincheira é a esperanza de regresar. O motor da guerra é o desexo de rematala canto antes. Os adversarios do foxo de enfronte afástano da aldea e dos seus. Está convencido de que soamente camiñando sobre os cadáveres deses inimigos poderá volver á casa.

Pero entre os disparos e maldicións procedentes do outro bando escoita desconcertado unha fala que, pese a estar sendo utilizada cargada de odio, non é a dun inimigo. Unha lingua que non se fala alí, que só se escoita a moitos quilómetros, na terra á que soña con volver.

-Ti de onde es, fillo de puta?

Grita mentres dispara. Ao non recibir contestación inmediata pensa, por un momento, que todo foi por mor da morriña.

-E a ti que carallo che importa? Son de Carreira!

Ao escoitar a resposta sente un sobresalto e coa voz quebrada pregunta ao contrario cal é o nome da súa nai.

-Juanita, cabrón!

Durante un tempo non dixo nada. Nin volveu a disparar. Sentiuse máis lonxe e perdido que nunca e ao final entre desesperadas bágoas preguntou:

-E como está a mamá?