Relato de verán de Xaime Toxo, 59 anos. Bueu
03 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.«¿E logo, quen lle canta as cancións de berce ós mariñeiros de altura?».
Ergueuse de noite para preparar as liñas, os raños e os celeiros na patela. Abriu as contras e ollou o ceo. Moveuse devagar e calzou as botas, meteu un xersei por riba doutro e un gabán por riba de todo. Coñecía as aguilloadas do frío.
Saíu ó quinteiro, oíu burbullar os caranguexos rebulindo no caldeiro. Cargou con que puido e marchou onde a chalana. O motor deixárao listo o serán anterior.
Volveu polo resto e abaneou ao fillo con coidado de non espertar ao neto, necesitaba que lle botase unha man para poñelo no mar.
Preguntoulle se o acompañaba, a reposta foi que estaba canso e que el tampouco debería ir, que o mar andaría rixo. Moveu a cabeza sen falar. Baixaron o areal, deitaron tostas para que a quilla esvarase ao empurralo. Embarcou sen se despedir e vogou uns metros antes de prender o motor. Non necesitou a lanterna. Colocouse sobre a marca das fanecas, aliñando na escuridade penedos con esculcas. Arriou amocelos ó fondo e agardou.
A cuberta e a figura anicada transformáronse no relevo dun horizonte aberto ao silencio. Movía as mans, se as liñas tensaban pola trabada no isco cobraba delas con rapidez.
Ceou dúas ou tres veces para non perder a marca. Co caldeiro a rebordar recolleu os aparellos. Mexou pola borda, amencería nunha hora. Sentou na popa con rumbo ó centolo. Deixou o faro por couso, amarrou un patexo ó pandullo e largouno.
Vogaba a modo contra un nordés irto. O primeiro polbo que embarcou habería de pesar dous quilos. Sorriu, era un bo exemplar, bicou o bicheiro. Asubiou a canción de berce que lle aprendera a súa nai, coa que durmira aos seus fillos.
Volveu co sol por riba das bateas, mirou na escollera aos que andaban ás robalizas con cana, algúns foran compañeiros del no Gran Sol. Ergueuse e bradou un aturuxo de vitoria amosándolle o polbo máis grande que apañara. Coma Ulises, aínda era quen de regresar triunfante a Ítaca.