Da xentrificación ecolóxica

X.A. Ochoa O GROVE / LA VOZ

SANXENXO

MARTINA MISER

As Administracións invisten na humanización dos barrios, o que fai revalorizar as vivendas e que pode acabar expulsando á xente do seu lugar

26 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estou en que o que nace pobre, morre pobre, non sendo excepcións casuais. Ogallá o sistema político, empregando mecanismos de solidariedade, permitise cambiar iso, pero non o parece, seguramente por aquelo tan groseiro que dixo Gabriel García Márquez en O outono do patriarca: «O día que a merda teña algún valor, os pobres nacerán sen cu». Segundo os datos de 2024 o 25,8% da poboación española está en risco de pobreza ou exclusión social, sen que, a pesar da boa marcha dos grandes números -en realidade beneficios das empresas potentes- se recuperase o nivel de vida anterior á crise do 2008 e os expertos din que ese crecemento macroeconómico dos últimos anos en España non é capaz de incrementar a calidade de vida da xente, porque non se aumenta o gasto social, nin se reforza a cohesión social e territorial. Ademais, publícanse datos enganosos como por exemplo botar por diante as rendas medias: na Comunidade de Madrid está a renda media máis alta por persoa pero é a rexión máis desigual porque o 20% rico gaña cinco veces máis que o pobre. Hai, non obstante, algún dato alentador derivado da educación, que é un elemento para igualar, como que canto maior sexa o nivel formativo menos proporción de pobres hai: a taxa de pobreza dos que abandonaron os estudos na primaria é do 28% e a dos que seguiron estudos universitarios, un 9%. Un dos factores que mide a pobreza son os custes da vivenda, necesidade básica. A situación actual complica a estabilidade das familias e resulta unha circunstancia clave do empobrecemento, polo aumento de prezo sen precedentes tanto da vivenda nova como do arrendamento. Fronte a iso, as políticas adoptadas ata agora non evitaron o incremento inaceptable de prezos de adquisición e rendas de aluguer. Aí está a realidade para non poder rebater esa afirmación. E agora mesmo xurde outro problema máis: a xentrificación ecolóxica. Non se fala dela, nin parece haber interese en que se coñeza. A xentrificación, unha palabra que se tomou do inglés, defínese como o «proceso de renovación dunha zona urbana, xeralmente popular ou deteriorada, que implica o desprazamento da súa poboación orixinal por parte de outra cun maior poder adquisitivo». Ata agora veuse en lugares afectados polo turismo. Por exemplo: que persoa orixinaria de Sanxenxo, ten vivenda en Silgar?. Unha evidente xentrificación. Agora mesmo empeza a ocorrer un fenómeno parecido coa chamada xentrificación medioambiental, ecolóxica ou verde que ten que pór en alerta ás autoridades políticas, para que adopten medidas legais fronte a ela. A Administración Pública, como é lóxico, particularmente os Concellos, están deseguido a realizar inversións nos barrios, buscando dotalos de espazos verdes, parques, xardíns, peonalizacións, uso de materiais enerxeticamente eficientes, etcétera.; en fin: financiación pública e subvencións para mellorar as condicións de vida e embelecer as paisaxes urbanas deterioradas. Esas melloras producen o efecto de aumentar o valor das vivendas e, polo tanto, de atraer a residentes máis ricos. Ademais, os negocios que se montan neses barrios embelecidos incrementan os prezos, venden produtos para xente podente, ou dan servizos a esas persoas de alto poder adquisitivo. Non é o mesmo un comercio de roupa nun barrio rico que nun barrio pobre. E as familias con ingresos baixos non poden consumir neses novos comercios, como tampouco pagar as novas rendas de aluguer e, se son propietarios, optan por vender e írense para as novas aforas a viviren en zonas pobres como pobres que son. Todo isto non quere dicir que as Administracións Públicas teñan que deixar de mellorar os barrios e incentivar unha maior calidade de vida. Teñen que seguir, porque permiten que coa política se faga solidariedade. Pero non valerá de nada ese esforzo público se non se adoptan medidas sobre as rendas de aluguer, sobre o prezo das vivendas, coa construción de vivendas sociais, ou, en fin, con outro tipo de medidas para fixar a residencia dos habitantes de seu nos lugares mellorados. Hai que evitar que querendo aliviar a vida dos pobres, se favoreza aos ricos. E esperar que a bastedade de García Márquez sexa realismo máxico e non realismo.