Paixón

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

PONTEVEDRA CIUDAD

05 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante uns anos, na organización Silkroad, organizabamos un curso de verán en colaboración coa Escola de Educación da Universidade de Harvard que se chamaba The Arts and Passion-driven Learning, algo así coma As artes e a aprendizaxe impulsada a través da paixón. Un curso no que explorabamos o rol da paixón na educación e a súa relación coas artes.

 Esta semana, traballando en Chicago, atopeime cun músico que realmente representa esa idea. Un músico galego que fixo historia gañando a praza de trompeta principal na prestixiosa Chicago Symphony. Unha persoa que atopou a súa paixón e, a través dela, conseguiu chegar onde soñaba: Esteban Batallán.

A súa historia emocionoume profundamente. Nacido en Barro (Pontevedra) no 1983. A súa viaxe musical comeza co seu pai e cunha visita a unha tenda de instrumentos na que lle suxiren que colla a trompeta. Continúa en Pontevedra e Vigo, co mestre Javier Viceiro Filgueira. Pero aos dezaseis anos, tocando coa Joven Orquesta Nacional de España, descobre a música de Mahler e de casualidade merca unha gravación da devandita orquestra, e como cita na súa páxina web, ao escoitala soubo «que quería tocar así».

Escoitalo falar en Chicago, contándonos ese camiño vital, cos seus altos e baixos, fai que unha imaxine o paralelismo cos rapaces que soñan con xogar no Barça, ou con ser Serena Williams. Batallán soñaba con ser o trompetista Adolph Herseth e «xogar» na Chicago Symphony, e a paixón que o levou ao seu posto actual é tan contaxiosa que, ao charlar un pouco con el, unha sinte esa fermosa enerxía que emanan aqueles que conseguen facer da súa paixón a súa vida... E que bonito é escoitalos, e sentir que, ás veces, se queres, podes.