Valentía, orgullo, decisión, enerxía, intensidade e carácter están por enriba de toda dúbida no repertorio granate. O domingo, o equipo da capital do Lérez apostou por un sistema táctico formado por un 1-5-3-2 similar ao 1-5-2-3 amosado en Pasarón, onde a única variación atopábase na distribución dos medios e puntas.
Ben é certo que o que trocou considerablemente foron os compoñentes e a colocación dos xogadores no sistema. Só Edu, Bruno e os dous carrileiros, Miguel e Bonilla, mantiveron a súa situación no campo. Coido que dunha semana para outra sete trocos, ben de posición ou de xogadores, son demasiados para ter claros todos os automatismos a nivel ofensivo e defensivo nun sistema, que por outra parte non foi dos máis utilizados na tempada.
Falemos dos tres centrocampistas (Jacobo Trigo, Mouriño e Jacobo) e dos dous puntas (Eneko e Iker Alegre). Esta disposición e a aposta polos xogadores da plantilla do equipo granate que máis condicionan co balón fixo que o Real Murcia estivera a mercé do Pontevedra, que se no minuto quince Eneko ten sangue fría abondo para definir trala marabillosa parede con Jacobo... Outro galo cantaría. A nivel defensivo o Pontevedra presentaba unha variante nos tres centrocampistas, xa que Jacobo descolgábase para dificultar a saída de balón de David Sánchez, e no aspecto ofensivo o equipo tiña moita máis mobilidade que en Pasarón porque os espazos na liña de ataque non estaban ocupados.
O Pontevedra tamén foi un equipo atrevido defensivamente en campo propio, cos centrais executando unha defensa mixta e perseguindo aos puntas murcianos ata campo contrario. Só lle faltou meterlle o medo no corpo cun gol nos primeiros compases e que ao desgaste físico se lle engadira ao desgaste psicolóxico, e ver ata onde o Murcia era quen de soportar as arremetidas granates.
A segunda parte comezou coas mesmas sensacións ca primeira. Aos dez minutos o Pontevedra adiantouse no marcador e aí desencadeouse unha batalla, entre o temor e a presión dos murcianos e o cansazo e a precipitación dos granates, na que ningún dos dous equipos resultou gañador. Chegou o intre de introducir modificacións e baixo o meu punto de vista o Pontevedra perdeu máis do que gañou.
É conveniente reflexionar respecto a que cando os xogadores eminentemente físicos están cansos, pedímoslle que se sigan esforzando, cando a calidade máis destacada deles xa se esgotou. E se os que están cansos son os que destacan polo seu repertorio técnico, sacámolos da batalla, cando aí o que fai falla son luces. A partires deste intre o Pontevedra perdeu o norte, porque os xogadores que saíron teñen outras características, aínda que nunca se dou por vencido, o cal ten que facer estar moi orgullosa a afección granate.
A base está creada, a afouteza está na ría de Vigo pero tamén na de Pontevedra (os galegos e as galegas sómosche así), e isto só ten unha marxe de mellora: ir ao mercado e aderezar o plantel cuns ingredientes que doten ao equipo de máis talento individual.