«Da horta non se vive, polo de agora, pero é un complemento á economía»
PONTEVEDRA CIUDAD
Ten un posto na praza lalinense onde vende excedentes de produción
02 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.vanessa vidueiros souto xerente da hortiña da praza
«O produto que ofrecemos a cotío no posto vai en función da tempada»
Non sempre se adicou ao cultivo de produtos hortícolas, pero as circunstancias laborais a empurraron a elo. Vanessa Vidueiros Souto, natural da aldea de Ramil na parroquia lalinense de Gresande, leva case un ano ao fronte da Hortiña da Praza e convida aos cidadáns a coñecer a praza e a mercar nela.
-Deixou Pontevedra e o seu traballo con cativos pola súa aldea natal e pola horta, un cambio moi radical...
-Tiña un centro de ocio infantil na Cidade do Lérez, e estaba moi contenta co seu funcionamento, pero tiven que pechalo pola crise. Ao voltar para a miña casa, para Ramil, chamaron a miña nai por se lle interesaba vender produtos de horta na Praza de Abastos de Lalín. Ela comentoume o tema e díxenlle: Poñámonos a prantar! Era un maneira de deixar o paro, e aquí estamos coa horta.
-E case están a cumprir un ano da posta en marcha da iniciativa, ¿cal é o resultado deste primeiro balance anual?
-Estou satisfeita coa iniciativa pero, no noso caso,da horta non se vive, polo de agora, pero é un complemento á economía. Por outra banda non deixa de ser un servizo que lle brindas ao pobo. Hai que partir da base de que a Praza de Abastos de Lalín só tiña postos básicos: peixeirías, carnicerías... e o centro estaba totalmente morto. Faltaba vida e cor na mesma. Os comezos non foron nada doados. Foi preciso darnos a coñecer, cuestión na que nos apoiou moito o concello, e logo entre os que temos algún posto na praza concienciámonos na necesidade de contar cunha asociación que nos representara e, a través da mesma poder artellar mecanismos que nos permitan dinamizar o recinto. É preciso que se coñeza a praza e que a xente se acostume a mercar nela. Noutras vilas é un centro neurálxico; xa nos gustaría que o fose aquí.
-¿Entón o seu posto de venda busca unha maior dinamización do recinto?
-Claro. A Hortiña da Praza, que así se chama a nosa empresa, xurde para vender os nosos excedentes de produción da casa pero tamén para dinamizar a Praza de Abastos lalinense e dárlle saída a todos os produtos convencionais das casas das aldeas que poidamos. Na maioría delas existen excedentes importantes de berzas, col, repolo, leitugas, tomates, xudías, pementos; dependendo da tempada na que estemos, e que en moitas ocasións van a parar á alimentación dos animais, ábrese deste xeito a posibilidade de vender eses produtos que sobran. Como decía antes, supón un complemento a calquera economía doméstica. E nos tempos que estamos todo o que se poida facer, benvido sexa.
-¿Cales son os produtos que lle ofrecen á clientela?
-O produto que ofrecemos a cotío vai en función da tempada, nunha parte moi importante, e logo poñemos a disposición da clientela outro tipo de produto que se pode mercar ao longo de todo o ano. No caso da horta a oferta é variable, pero o que vimos tendo sempre é mel da parroquia de Catasós, do produtor Fernando Pájaro; levamos un tempo contando tamén con queixos que proceden da Queixeiría da Semana Verde de Silleda, e tamén o leite cru de produción ecolóxica e queixos da empresa O Alle; de Antonio Carral, de Filgueira. Dependendo tamén da época tentamos ter froita do país e determinadas hortalizas que nos suministra unha cooperativa.
-¿Van ampliando a oferta en función da demanda?
-Procuramos ter no posto, todos os días, produtos variados e moi frescos procedentes na súa maioría da nosa zona.