O BM Deza parte con 13 efectivos para encarar unha tempada na que buscará a permanencia

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

27 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Balonmán Deza de Primeira Autonómica leva xa días traballando para preparar a nova tempada. Os dezanos arrincarán a Liga en plenas festas de Lalín ante o Viña Costeira, e para entón, confían en ter xa conxuntado, ou case conxuntado, o equipo co que pelexarán un ano máis por manter a categoría.

Ata o de agora o BM Deza está a traballar cun equipo xusto de efectivos, pero que pode medrar nos vindeiros días. Abundan os cambios respecto da campaña pasada, e toca traballar arreo para maridar as caras novas. Da tempada anterior continúan Potic e Perich na portería, Tito e Alberto Viz no extremo esquerdo, Barciela e Tuni como extremos dereitos, Sebas e Sierra como pivotes, e Sabas e Chamorro como centrais. No caso de Sebas a súa continuidade aínda non está cento por cento asegurada posto que dependerá de como evolucione o seu xeonllo. Aos efectivos que seguen no BM Deza, uníronselle xa na pretempada Nico López, Manuel Val e José Romero, aos que poderían sumárselles algúns homes máis nos vindeiros días.

Cambios e obxectivo

Á marxe dos nomes, o BM Deza perde esta campaña envergadura, polo que traballa xa en buscar solucións defensivas alternativas ao seu 6:0 tradicional.

En canto a obxectivos, a meta coa que parte o Balonmán Deza 2009/10 é idéntica á da campaña anterior: manterse. A permanencia é a finalidade coa que o equipo afronta a Liga. Respecto do grupo, Sierra considera que a priori o Nattex, contando con todos os seus efectivos, parte como un dos rivais a bater. No grupo de favoritos o xogador do Deza inclúe tamén ao Seis do Nadal e ao Ártabro. A partir do cuarto posto, a igualdade entre os restantes contrincantes xa é maior, apunta o xogador. Nesa Liga da igualdade estarán Guardés, Tirso de Molina Mosteiro de Poio, Viña Costeira, Deza e Teucro.