Un mangado de relatos irónicos e sarcásticos sobre a realidade compoñen o libro que será presentado esta tarde en Vigo por Francka editora
19 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.Naceu en Pontevedra, estudiou en Madrid e vive en Vilagarcía. É avogado, fai documentais e tamén escribe. Esta tarde presenta en Vigo o libro que mereceu ser gañador do premio Terras de Melide. Xoán Piñeiro é o autor de Lista de espera , un mangado de relatos publicados por Francka editora. - Creo que dos tempos que facía radio en Madrid quedoume un tipo de humor sarcástico, quedoume o da ollada distinta. Reinterpreto os feitos, pero utilizo algo do melodrama que, ó cabo, é un dos elementos clásicos, pero adubiado con humor, que é a billa que permite regular o noxo. Permite tamén que fuxan os fantasmas persoais e tamén resulta moi útil para a observación subxetiva. - Utilizar o relato breve era un condicionante externo ou é vocación. - Varios factores. Non me adico a escribir, así que as distancias curtas vanme ben e teño algunhas cousas premiadas de narrativa breve. Os contos me permiten despachar con certa rapidez as historias porque cando fas algo longo necesitas unha concentración que eu non teño por falta de tempo. - ¿Cre que agora os escritores utilizan pouco a realidade? - Sempre houbo tendencias que conviviron sen problemas. Houbo escritores norteamericanos que utilizaron a realidade e que conviviron co realismo máxico. Nada supera a nada. Pero, por exempro, nunca escribiría unha novela histórica porque non me gusta ese traballo de documentación e porque estou máis influido pola realidade e por autores realistas. Aínda así, din que o noventa por cento do que se escribe é inventado. Outra cousa é saber en que consiste ese noventa por cento. - Tampouco se pode decir que haxa un exceso de premios para narrativa breve. - A saúde da narrativa non se debería medir polos premios, pero é certo que agora mesmo non hai moitos, a pesar de que os grandes clásicos da literatura galega escribiron moitos e bos relatos breves. En calquera caso, paréceme peor que a falta de premios o feito de que cando gañas un premio que ten prevista a publicación, logo non se edite. Nese caso, o autor queda a medias porque logo pasa o tempo e mesmo pode pasar que os autores decidan non seguir escribindo. Agora acontece bastante que hai moitos autores con obra pero sen libros.