Homenaxe a Manuel Viéitez, que axudou a crear o Bosque de Colón

La Voz POIO / LA VOZ

POIO

Unha placa lembra para sempre ao axente forestal no bosque de secuoias que tanto amou

23 may 2025 . Actualizado a las 19:21 h.

O Concello de Poio rendeu este venres unha «merecida, sentida e emotiva» homenaxe a Manuel Viéitez, axente forestal falecido recentemente e que foi unha das persoas que axudaron a crear o Bosque de Colón, a maior plantación de secuoias vermellas de Europa. Amigos, compañeiros, representantes de colectivos... acompañaron á familia de Manuel Viéitez nesta homenaxe, na que ademais do alcalde, Ángel Moldes, participou o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, así como o profesor estadounidense John H. McElroy, artífice en 1992 desta plantación de secuoias no Castrove.

Moldes, que recordou o amor de Viéitez polo medio ambiente, ás árbores e, en especial polo Castrove, salientou a súa implicación con todo o que facía. «Sentía verdadeira paixón polo monte, e ese cariño e ese respecto polo medio ambiente tamén o trasladou e inculcou aos máis pequenos». Ademais, recordou que non só axudou a crear o Bosque de Colón, senón que «asumiu un compromiso persoal coa conservación e coidado deste lugar máxico, unha plantación única que é sinal de identidade do noso pobo».

A música do gaiteiro Óscar Ibáñez deu inicio ao acto, no que a filla de Manuel, Eva Viéitez, e os seus netos, xunto co profesor McElroy, plantaron unha sequoia doada polo Centro de Formación e Experimentación Agraria de Lourizán. «Manuel era unha persoa leal, na que se podía confiar e un erudito no seu campo. Imos sentir a súa perda, por iso debemos recordar como era, coa súa alegría, vitalidade, firmeza, honestidade... Este é o seu legado persoal e profesional marabilloso», destacou McElroy.

Tamén a súa filla, Eva, destacou a gran ilusión que sentía o seu pai por ter sido partícipe da plantación en 1992. «Dámosche as grazas por todo o que nos destes ao longo da túa vida, o que non ensinastes en todos os aspectos da vida, e por coidar este Bosque de Colón con tanta ansia e entusiasmo durante todos estes anos».

O acto rematou có descubrimento dunha placa: «En homenaxe a Manuel Viéitez, que axudou a crear o Bosque de Colón e o custodiou para futuras xeracións. Con eterno agradecemento da veciñanza de Poio e dos homes e mulleres de boa vontade aos dous lados do Océano».