O alumnado de forestais do obradoiro de emprego de Valga acondiciona o miradoiro de Beiro

La Voz VALGA / LA VOZ

MORAÑA

Concello de Valga

O proxecto formativo rematará a mediados de outubro

30 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O alumnado da especialidade de forestais do Obradoiro de Emprego xuvenil de Valga, Moraña e Portas, está a apurar as últimas obras incluídas neste proxecto formativo, que se clausurará a mediados do mes de outubro. Nas últimas xornadas os traballos centráronse na zona do miradoiro de Beiro. Nel, os novos traballadores forestais, que sairán do obradoiro cun certificado de profesionalidade que lles abrirá oportunidades laborais, executaron traballos de limpeza de maleza, realizaron rozas con fío e disco e acondicionaron as escaleiras de acceso ao miradoiro e ao muíño de vento.

Con anterioridade, este grupo ao que dirixe o experto docente José Luis Cancela Martínez, pasou tamén por outras zonas verdes e espazos de lecer de Valga. Entre eles as lagoas Mina Mercedes e Porto Piñeiro, os arredores do tanatorio municipal e o colexio Ferro Couselo, ou Parque Dios Mosquera e a contorna da Casa da Caña, nos que realizaron actuacións de acondicionamento e mantemento.

Outras das obras que executaron estes futuros profesionais foron a poda das camelias na Praza Manuel Vicente Cousiño de Pontevalga, o embelecemento dos buxos na casa da cultura, a corta de árbores na área fluvial de Vilarello e a limpeza e colocación de malla antiherba na estación depuradora.

O Obradoiro de Emprego Xóvenes, que desenvolven conxuntamente os concellos de Valga, Moraña e Portas, está a formar a un total de dezaseis persoas nas especialidades de albanelería e traballos forestais. O proxecto é cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus no marco do programa FSE + Galicia 2021-2027.