O Salón experimenta coa ciencia

MARÍN

Ceo Aberto desenvolveu onte no Pazo o obradoiro «A miña primeira investigación».
Ceo Aberto desenvolveu onte no Pazo o obradoiro «A miña primeira investigación». capotillo< / span>

Escolares de Pontevedra e da comarca asisten a obradoiros e contacontos no Pazo

14 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres, dez da mañá. O silencio inunda o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Alumnos do colexio de educación infantil e primaria (CEIP) A Xunqueira I da cidade participan durante esta xornada en dous contacontos e cinco obradoiros repartidos por distintas estancias do Pazo da Cultura. É o agasallo do Salón organizado polo Concello de Pontevedra por participar cos seus traballos na exposición. Ás dez e dez chegan os rapaces dun colexio de Moaña para asistir a unha visita guiada polo recinto. A ambientación xeral feita pola escola de tempo libre Paspallás, en consonancia co tema deste Salón número dezaseis -Da ciencia á ficción-, recíbeos. Predominan as cores rosas e azuis.

Cada obradoiro é unha oportunidade para achegarse á ciencia dende ben novo. Colámonos en dous deles. Un é o denominado Extracción de ADN, que imparten as monitoras do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia Ana Cao e Pilar Gago. O CSIC é unha das entidades que colabora no Salón do 2015, centrado na ciencia. Os nenos atenden ás monitoras. «Tedes o ADN flotando nun vaso con sal», dinlles. O seguinte paso é filtralo porque está sucio. A operación, que se practica in situ, necesita dun funil, un filtro de café e un vaso pequeno. «A ciencia ás veces é lenta, tedes que ter paciencia. Para ter ciencia fai falta paciencia». Son as instrucións das profes. Eles asinten e gardan os nervos.

Moi cerquiña desenvólvese outro dos obradoiros. Neste caso titulado A miña primeira investigación, impartido por Ceo Aberto. David Rodríguez Gómez-Aller é o encargado da actividade, que engancha aos cativos. «¿Que ph ten a coca-cola?», lles pregunta. Tras uns segundos de dúbida, algúns reponden en voz alta, «ácido». «Catro, bastante ácido». «E a coca-cola, ¿é boa para o estómago?». «Non, porque ten gas», di un rapaz. David contesta: «A coca-cola é boa para o estómago, o malo é o azucre que ten». E continúa coa argumentación. «¿Sabedes canto? Unha lata de coca-cola ten catro sobres de azucre». A reacción dos nenos non sei fai esperar: «¡Ah, ah, ah!». Lección aprendida. De maior, non abusar destes refrescos.

Ademais de coñecer o ph das bebidas de cola, o obradoiro ensina cal é o do leite. «Sete», di o máis rápido. «Se fora dez ou once sentaría mal». O seguinte paso para estes pequenos investigadores é saber se produtos tan cotiás como o pan, a pataca ou o plátano teñen almidón. Pero antes hai que saber que é o almidón. «¿Alguén sabe que é o almidón?»

Silencio. «Téñeno as prantas, son como os michelíns das prantas», di David. ¿E para que serve? Os pequenos fan as súas aportacións levantando a man. «Para conservar a temperatura corporal». Non. «Para protexer o corpo». Tampouco. Ata que unha rapaza bota man da sabedoría da súa avoa. «É como unha despensa natural». Efectivamente. O mestre asinte. «É esa despensa natural que temos para acumular enerxía. Os que comemos todos os días non necesitamos despensa. Pero iso non sempre foi así. Hai animais ou mesmo o home primitivo non comían todos os días». A resposta parece convencelos.

A actividade que hai portas adentro constrasta coa calma que se respira, a esas horas, no Salón. O persoal do Pazo e o contratado especificamente para o evento vai dun lado a outro, pendentes de cada detalle.

Os rapaces dun colexio de Moaña están inmersos na visita guiada ao Salón. Este grupo de alumnos non asiste aos contacontos e aos obradoiros porque non participa na exposición dos traballos dos centros de ensino de Pontevedra e da comarca que están expostos no Pazo. O persoal explica que se exhiben propostas de corenta centros (colexios e institutos) da cidade, pero tamén doutros municipios da comarca e doutras zonas da provincia e de Galicia. Hai traballos de colexios de Vilaboa, Ponte Caldeas, Marín, Redondela, Arcade (Soutomaior), Cangas e Taragoña (Rianxo), entre moitos outros, e dunha asociación de persoas con autismo de Vilagarcía de Arousa.

Libro ou traballo volumétrico

En total, centros que representan a máis de 4.500 escolares que, durante un mes, pasarán polos contacontos e obradoiros que oferta o Salón. Propostas que versan sobre a temática deste ano, Da ciencia á ficción. A organización procura que teñan marxe suficiente para plasmar as súas ideas. «En xuño, antes de que remate o curso, procuramos que saiban a temática para que poidan traballar nel durante boa parte do curso», comenta unha das resposables do Pazo. As bases fixan unhas medidas tanto para o formato libro como para o traballo volumétrico. Ambas cousas teñen que facerse en galego, aínda que chega algún en inglés e máis dun que se esquece das medidas. Tamén se lles facilita unha bibliografía.

Un deses traballos recibirá o premio do público que visite o Salón durante os trinta días de apertura. Para elo hai unha urna. A proposta do CEIP Carballal, de Marín, foi considerada a mellor polos asistentes o ano pasado sobre Cociñando contos. Por iso, o seu traballo do 2015 está nun lugar máis destacado. O CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Calelas foi finalista. Desde o Pazo destacan a implicación dos mestres na iniciativa, para a que se soen empregar, na maioría dos casos, materiais de refugallo. Cores e formas invaden esta sala, onde destaca a proposta do IES A Xunqueira sobre como se pode convertir alguén en invisible.