Esquécesenos

MARTIÑO SUÁREZ

MARÍN

¡ARRE HO! | O |

15 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

VÉMOLOS cada día na porta do supermercado de debaixo da casa, ou acodados ao semáforo que hai ao lado da oficina. Pasamos ante eles a toda présa, e, como di Morrissey, non sabemos nada das súas vidas. Por veces, unha fotografía súa bótasenos encima desde as páxinas do xornal: quizá están fregando o parabrisas dun conductor cabreado, quizá traballando emperiquitados no alto dun edificio en construción, ou descargando peixe coas mans espidas nun buque en Marín, ou pode que declarando nun xulgado por algún crime inconfesable. E só moi de vez en cando o que eles pensan entra na nosa lonxitude de onda, e entón recordamos a ese bisavó que fuxiu no 36 e se puxo a traballar, case sen durmir, nun hotel de mafiosos en Camagüey; ou a ese tipo que marchou de San Xurxo de Sacos, abreu unha pulquería en Arxentina e morreu atravesado a balazos; ou a aqueloutro parente que escoitaba a chuvia petar sobre a uralita que cubría o galpón no que vivía en Alemaña, ao lado da fábrica das cafeteiras Melitta. Pero de seguida se nos esquece.