O investigador Fuentes Alende, nomeado Fillo Predilecto de Cuntis: «Por suposto que estou emocionado»

María Hermida
Mariá Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

CUNTIS

Xosé Alende, flanqueado por Manuel Campos, alcalde de Cuntis, y Conchi Campos, concejala.
Xosé Alende, flanqueado por Manuel Campos, alcalde de Cuntis, y Conchi Campos, concejala. Concello de Cuntis

O acto celebrouse este sábado no auditorio municipal, que se ateigou de veciños

01 dic 2025 . Actualizado a las 12:29 h.

Cuntis viviu este sábado un deses días que escriben a historia dos pobos. Foi unha xornada tan emotiva como solemne na que o Concello, tal e como acordara na sesión plenaria celebrada o pasado 17 de setembro, nomeou fillo predilecto de Cuntis a Xosé Fuentes Alende. Fíxoo para recoñecerlle «á súa inmensa labor como embaixador da cultura e do patrimonio do municipio».

Nado no municipio de Cuntis, Fuente Alende, dedicou gran parte da súa vida a investigar, escribir e divulgar a riqueza etnográfica e histórica da súa terra, converténdose nun referente para os seus. Entre os seus traballos máis destacados atópanse as investigacións sobre a relixiosidade popular, os exvotos e os xogos tradicionais. Dende o Concello sinalaron que «a súa dedicación e o seu compromiso coa cultura local convertérono nunha figura clave para a preservación e difusión do patrimonio de Cuntis». E o alcalde, o socialista Manuel Campos, considera que esta distinción é «un acto de xustiza e recoñecemento a unha vida de traballo incansable e a un amor incondicional por Cuntis».

O nomeamento tivo lugar este sábado á mediodía nun auditorio que se ateigou de público. Alí, o encargado de pór voz a todo o que fixo Fuentes Alende por Cuntis foi o tamén investigador Héitor Picallo, que promoveu o nomeamento de fillo predilecto. Falou tamén o alcalde, Manuel Campos, que se sumou aos eloxios a Fuentes Alende. E, por descontado, tomou voz tamén o propio homenaxeado, que agradeceu a homenaxe e fixo un repaso pola súa vida, dende cando era un neno labrego a todos os anos no que pasou practicamente por todos os postos do Museo de Pontevedra.

«É unha honra este recoñecemento oficial na miña terra e ver que o salón estaba cheo, a verdade é que si que me emocionei moito», recoñecía Fuentes Alende tralo acto. Despois, sinxelo como el é, contaba que segue a traballar no seu, investigando sobre virxes e cruceiros.