Saber priorizar

Malores Villanueva
Malores Villanueva FIRMA INVITADA

CERDEDO-COTOBADE

12 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacín en 1982, só unha semana antes de que a Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) aprobasen as normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego que se converteron meses despois en oficiais. Sen ter coñecemento deste feito, miña nai conscientemente decidiu educarme en galego, pero fíxoo ocultando un trazo moi característico da súa fala de Cotobade: a gheada. Considerou que aquel fenómeno dialectal non era o modelo de lingua que me debía aprender, posiblemente porque o asociaba a aqueles prexuízos que moitas veces tivo que soportar sendo estudante. Ao tempo, moitos pais naqueles anos oitenta optaron por renegar do seu idioma e romper a cadea de transmisión lingüística. A lingua é un investimento e, se se pode escoller, non é raro que se opte por aquela que resulta máis proveitosa e está menos connotada. Séculos de exclusión dos ámbitos de prestixio pesan sobre o galego, pero a miña nai bastoulle o feito de ser a súa lingua, a que reflectía a súa identidade e a do seu país.

A miña xeración puido normalizar o idioma a través do ensino, da televisión ou dos libros infantís, aínda que os prexuízos padecémolos igual e de seguro alguén nos preguntou, sen vir a conto, por que falabamos galego. Na escola aprendemos a escribir nunha variedade que é unha convención, como todas as normativas, baseada nuns criterios lingüísticos, históricos, de tradición literaria... Iso tampouco nos distingue das demais. Poderían ser outros? Dende logo. Moito me sorprendera unha conferencia no Institut d'Estudis Catalans sobre as tensións arredor da normativa de 1913 que desembocaron incluso na creación de institucións paralelas para defender a grafía arcaizante. Coñecer outras realidades fai que relativices a túa e entendas como natural que cando se escolle unha opción sempre haxa partidarios das outras posibles. Se ben, as linguas existen aínda non tendo expresión escrita e máis alá dela, por iso o que me preocupa é ese elo que se rachou na cadea de transmisión e que non soldará ningunha grafía.

A belixerancia coa que en 2009 se actuou contra a lingua para conseguir un fato de votos deu en medidas tan nocivas como o «decreto de plurilingüismo» que prohibe impartir as matemáticas ou a física e química en galego, pero si en inglés. Parece que queren volver eses tempos e escoitamos estes días manifestacións políticas que atacan o galego e que defenden os dereitos dos que sempre os tiveron, aqueles castelanfalantes que pretenden educar os seus fillos na ignorancia doutra lingua e na superioridade da súa. Ninguén debería basearse nos seus prexuízos para impedir o coñecemento e ninguén debería armarse detrás dunha pancarta ou dun tuit para atacar a lingua propia de Galicia. Atentan contra o patrimonio máis grande que temos, afondan na estigmatización e non son dignos de nos representar. Nesta situación a cuestión da grafía está ben para debates eruditos.

O que precisamos é máis amor e respecto polo idioma, non porque sexa falado por millóns de persoas, por criterios económicos ou imperialistas, senón porque cifra todo o noso mundo.