Cultura para nenos

La Voz

BUEU

Praza da Ferrería

23 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Chámase bombo ? Oitenta e dous nenos asistiron ós concertos didácticos que a asociación Retrouso organizou na mañá de onte no CEIP de Cela, en Bueu. En catro tandas, desde os nenos de catro anos ata os de once, baixaron á aula de música para escoitar, moitos deles por primeira vez, o son dunha gaita galega ou dunha pandeireta. Cando chegaron, atopáronse de fronte cos instrumentos tradicionais máis importantes, preparados para ser tocados. A primeira frase, para romper o xeo, sempre era: «Supoño que saberedes como se chama isto». E todos sabían o que era un bombo. Contar ata tres ? O concerto tiña un fío argumental. O bombo e o tamboril acompañaban á gaita e ían á festa, onde a xente se divertía bailando. Os profesores de Retrouso fixéronos experimentar o son da percusión, ensináronlles os ritmos de muiñeira e xota e describíronlles as partes da gaita. Logo chegou unha pequena exhibición de baile e aseguráronlles: «Para bailar a muiñeira só hai que saber contar ata tres; ¿quen sabe?». Tódolos rapaces picaron. O seguinte paso foi erguelos e poñelos a bailar. Cultura é diversión ? Despois do baile, a pregunta foi: «¿Por que a xente de antes sabía danzar?». Os concertistas tiraron man entón da pandeireta. «Porque o facían durante todo o ano, aínda que non fose con gaita», explicaron. Os organizadores remarcaron que «a música significaba diversión para os nosos avós». Os nenos, mentres tanto, animaban ós compañeiros a soprar para conseguir arrincar sons da gaita. Algúns lográrono. Chándal versus traxe ? Á hora de falar do traxe tradicional, empezaron a resoprar. «¿Levaban todo iso?» ou «es mejor el chándal» foron algunhas das frases máis escoitadas por parte dos nenos. Ás nenas, en cambio, gustoulles.