Moitos eran os itinerantes achegados ás portas das casas polas aldeas amosando as mañas na realización dos diferentes oficios. Así podemos falar dos follalatoeiros, aínda hoxe en día vemos algún que otro deses latoeiros, nome co que tamén se coñecían, levando a súa mercaduría: candís, tanques cazos... coa fin de vendelos nas feiras. Dos zarralleiros, que aló onde se lles requería, sentábanse no caixón que levaban ó lombo e ralizaban a correspondente laboura petando na zafra, chantada no chan, taponando os buratos nas tarteiras, olas etc. Dos zoqueiros, artífices dun calzado moi apropiado para combatir a lentura e que resulta imprescindible para andar por terreos cheos de trollo ou carazo. Dos cubeiros, que moldeaban as doelas para dar forma as cubas, que gardan o viño nas frescas adegas. Dos quincalleiros, verdadeiros comerciantes ambulantes, tamén, co seu caixón ás costas onde levaban: peites, agullas, cadeas, pulseiras e mesmo alpargatas. Dos carpinteiros, que facían mobles, portas e fiestras que acomodaban entre marcos e xambas. Dos serranchíns, que reducían as toradas a táboas. Dos telleiros que tiñan como misión facer tellas e tixolos de barro. Dos cesteiros que confeccionaban os cestos para transportar o froito das cepas ó lagar, minucioso traballo que requería grande agudeza. Dos cantorleiros que arranxaban as vaixelas. Dos ferreiros nas fornallas co seu barquín dando aire. En fin, albardeiros, fabricantes de utensilios para os cabalos, os afiadores que chegaron coa roda ós lugares máis afastados da nosa xeografía, mesmo do extranxeiro, os oleiros onde no torno daban forma a xerras, cuncas ou botixos, dos ferradores, e sen esquencernos dos fragueiros e rodeiros que se complementaban na construcción dos carros, os primeiros facían o piso ou sellao e os segundos o rodado. E ó falar dos oficios por forza temos que lembrar a Xoaquín Lorenzo dos que deu unha completa descrición de cada un deles. Malia todo eso non quita para que se continúe coa esculca de tan salientable asunto, pois non podemos ter sempre a Xoaquín como referencia en calquera traballo de etnografía, reproducindo en sobexo os mesmos debuxos. Porque este país é unha fonte inesgotable de temas que necesitamos dar a coñecer.