O Museo de Pontevedra adquire un debuxo que Castelao pintou á súa chegada a Bos Aires no exilio

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CASTELAO

Ademais, comprouse un segundo debuxo, Paisaxes pontevedresas e flores, asinado por Carmen Babiano Méndez-Núñez

21 mar 2026 . Actualizado a las 13:45 h.

O Museo de Pontevedra incorporou á súa colección un debuxo de Castelao e outro de Carmen Babiano Méndez-Núñez que se considera son «de notable importancia histórica e artística». Trátase de O día que saímos da nosa patria, debuxo que Castelao asinou no exilio aos poucos días da súa chegada a Bos Aires (Arxentina), e Paisaxes pontevedresas e flores. Dende a Deputación de Pontevedra precisaron que ambos pertencían a unha colección particular e foron mercados por un prezo conxunto de 6.000 euros.

A directora do Museo, Ángeles Tilve, definiu o debuxo realizado por Castelao como «un moi interesante exemplo da produción do artista no exilio, sendo moi simbólico do mesmo o lema co que titulou esta obra».

Atópase nun aceptable estado de conservación, aínda que vai requirir unha intervención do equipo de restauración debido a que o papel ten algunhas zonas deterioradas nos bordes. A intención é que, unha vez estea restaurado, se incorpore á exposición permanente que o Museo de Pontevedra lle adica a Castelao nas salas do edificio que leva o nome do galeguista.

Carmen Babiano Méndez-Núñez

No que respecta ao da pontevedresa Carmen Babiano, «unha das poucas mulleres en Galicia que no século XIX puido desenvolver, durante algún tempo, unha certa carreira artística», é, segundo Ángeles Tilve, «un exemplo moi significativo da súa produción como ilustradora» ao reproducir unha vista da capela do Pazo do Real (Moaña), propiedade familiar onde estivo enterrado Casto Méndez Núñez entre 1869 e 1887, así como unha vista do barrio da Moureira de Pontevedra.

Cun estado de conservación excelente, engadiu que se pode situar «cronoloxicamente entre 1879 e 1881, pois o estilo e as paisaxes pontevedresas reproducidas presentan unha grande similitude cos que Carmen Babiano publicou na revista La Ilustración Gallega y Asturiana en xuño de 1879». A directora do Museo estima que, polo tipo de composición, «é moi posible que estivese destinada a ser publicada pola autora nalgunha das revista ilustradas da época».