O certame de cómic do Garaxe Hermético ábrese a adaptar «Merlín e familia»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

ADRIÁN BAÚLDE

O concurso, por primeira vez, terá dúas categorías: infantil ou xuvenil, por unha banda, e adulto, por outra

21 mar 2026 . Actualizado a las 19:23 h.

Ata o vindeiro 1 de abril, os alumnos matriculados en segundo e terceiro curso no Garaxe Hermético poden participar na sétima edición do concurso de banda deseñada que organiza esta escola profesional de Pontevedra e a Editorial Galaxia. «Os premios empezan a consolidarse e o seu obxectivo sigue tendo sentido. Temos claro que se pode ensinar arte dunha maneira diferente, achegando moito máis o mundo laboral, achegando un pouquiño máis o que é a experiencia dentro dun estudio de debuxo de cómics, o mais cércana posible ao que se van encontrar despois no mundo laboral e isto ven a pechar un pouco esa experiencia», destacou Kiko da Silva.

O director e fundador do Garaxe Hermético precisou que, por primeira vez, establécense dúas categorías. Por unha banda, a de infantil ou xuvenil, que «é unha das grandes eivas no mercado galego. Actualmente, si que se está publicando BD, pero case sempre para un público adulto e nós queríamos fomentar e fornecer tamén os novos lectores porque sen novos lectores estamos perdidos», cunha temática libre e cun formato de entre 48 e 64 páxinas.

E, por outra, a novidade desta edición é unha categoría de cómic para público máis adulto que pasa pola adaptación a viñetas dun dos clásicos do fondo da Editorial Galaxia, Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro. «Esta idea xurdiu porque hai uns anos unha exalumna, Iria Aldegunde, fixo unha proposta de adaptar Memorias dun neno labrego, que acabou publicando Galaxia, e a verdade é que se converteu nun pequeno bestseller, un libro que está funcionando moi ben e que catapultou a esta rapaza co seu primeiro traballo aos premios de edición, aos premios que se dan a nivel de toda Galicia de parte do sector e está funcionando moi ben nas librarías, tanto tradicionais como especializadas», sinalou Da Silva precisando que, nesta modalidade, a extensión mínima será de 80 páxinas e a máxima de 120.

ADRIÁN BAÚLDE

Engadiu que a intención é dar a coñecer as propostas gañadoras en xuño no marco de BDra Gráfica, certame que se desenvolverá a última fin de semana dese mes e no que, por primeira vez, entregarase un trofeo físico aos dos cómics seleccionados. En ambos casos, estes serán publicados en lingua galega por Galaxia.

Contrato profesional

Isto implica que os autores asinarán o correspondente contrato de edición coa editorial, co abono do 10 % de dereitos de autor. Neste sentido, Kiko da Silva precisou que «ver que o alumnado, que está facendo traballos con facturas, cobrando de maneira ficticia dentro da escola, de repente o poden facer dunha maneira profesional cunha editorial co prestixio de Galaxia, anteriormente con Xerais, e que o van facer cobrando e cun contrato e cunha serie de características que xa foron experimentando antes na súa formación, ven a pechar o ciclo do Garaxe Hermético», onde se busca, ao marxe da parte artística, conseguir que o alumnado teña unha experiencia o máis cércana á profesionalización.

A este respecto, o director do Garaxe Hermético incidiu en que, «se só te ensinan a parte artística e non está acompañada dunha parte profesionalizada, segues tendo o mesmo problema que teñen todos os artistas, que é a onde vou, que prezo lle poño ao meu traballo, canto custa, como mido algo artístico a nivel económico... porque estamos falando de cousas moi etéreas. Por iso, dende o primeiro minuto, tíñamos claro que non tiña sentido ensinar arte poñendo unha valoración numérica, se despois non sabes porque funciona e para que vale. O valor dentro da arte vaino dar o lector o que o consume, pero nós temos que conseguir vivir disto».