A inauguración do Salón do Libro Infantil foi un berro de «Non á guerra!»
PONTEVEDRA
Por diante, tres semanas de actividades vinculadas á lectura en Pontevedra
08 mar 2026 . Actualizado a las 13:11 h.As portas do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra abríronse de par en par este venres despois do espectáculo que orquestraron Píscore e o Coro do IES Xunqueira I. Por diante, tres semanas na que nenos e adultos poderán goza da lectura e a música —o lema desta edición é Que non pare a música!—, así como descubrir a cultura convidada, que non é outra que Palestina.
Non cabe dúbida de que se trata, en palabras do concelleiro Demetrio Gómez, dunha «das citas máis agardadas de todo o ano na cidade», quen non dubidou en denunciar na súa intervención a persecución e asasinato do pobo palestino a mans de Israel, ao tempo que lembrou con cariño a un colaborador habitual do Salón, o desaparecido Carlos Taboada. «Vai custarnos moito facer un Salón sen Charli. Non entendemos o Salón sen el, pero sabemos que partillamos a convicción de que a cultura, os libros, a música e a educación son as ferramentas para construír un mundo mellor, máis xusto e máis libre».
Pola súa parte, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores confesou que «hai vinte e sete anos tiñamos os mesmos nervios cando desde o Concello apostamos por un proxecto senlleiro e pioneiro, convertido agora nun dos eventos de maior proxección local, nacional e internacional. É un gustazo ver medrar o Salón cada ano e emoción das persoas, especialmente aquelas que viñeron como crianzas e hoxe achegan ao Pazo as fillas e fillos».
O rexedor non deixou pasar a ocasión para incidir na importancia de poñer os libros no centro para xogar ou gozar, «mais tamén para reflexionar sobre outros mundos posibles e crear unha cidadanía consciente do mundo no que vivimos. Por iso dedicamos esta edición a Palestina, porque neste mundo de odio, mortes e dirixentes descabellados, apostamos pola solidariedade e berramos: Non á guerra!».
De cara a sesión deste sábado, un dos puntos fortes é a celebración do Encontro de Mediación Lectora, un entorno para que convivan librarías, clubs de lectura, bibliotecas e divulgadores nas redes, en definitiva, «un espazo no que poder falar, debater, reflexionar e tamén buscar estratexias para mellorar a presenza do libro galego». Co título Moito por ler e está impulsada pola Fundación Xistral.