«Un concerto moi singular» dá a benvida a un Salón do Libro de Pontevedra onde se botou a casa pola fiestra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ata o 22 de marzo están programadas máis de 300 actividades

06 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras a gala do pasado mércores de Cultura contra a barbarie. Gala artística por Palestina, país convidado nesta edición, o espectáculo Un concerto moi singular inaugurará oficialmente este venres a que será a vinte e sete edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Así, dende as 18.30 horas, Píscore e o Coro do IES A Xunqueira I, que xa sorprendeu na pasa entrega dos Premios Feroz, ofrecerán un espectáculo exclusivo no auditorio do Pazo da Cultura que servirá de pistoletazo a unha programación onde está previsto desenvolver máis de trescentas actividades culturais ata o 22 de marzo baixo o lema de Que non pare a música!

ADRIÁN BAÚLDE

E como ven sendo habitual, unha vez rematado o espectáculo inaugural, abriranse as portas do Salón para unha visita libre polas súas instalacións: «Imos encher o Salón de música clásica, tradicional, contemporánea, rock, concertos, contacontos, obradoiros, bailes, música para tocar, para crear, para falar dela. Música no Recinto, no Pazo, pola cidade e ata nos agasallos para as crianzas que visiten o Salón. O que non faltará tampouco son os libros para ler, tocar, emprestar, libros na Troca de Libros, en faladoiros, encontros con escritores. Libros en galego, en portugués, en catalán, en francés, en árabe e ata en braille», destacou o concelleiro Demetrio Gómez na presentación dunha edición na que «se botou a casa pola fiestra».

O edil, de igual xeito, aludiu á cultura invitada, Palestina, para incidir que «máis que nunca é cultura fronte a guerra, a barbarie e fronte a ese sionismo que persegue, encarcera e asasina crianzas. Fronte a iso, no Salón, cultura. Imos coñecer a fondo a cultura de Palestina. A súa música a través de obradoiros, espectáculos. A súa literatura e a súa gastronomía que vai ser protagonista de todos os obradoiros de cociña para crianzas que facemos no Salón».

Ademais da gala deste mércores, desenvolveranse outras dúas actividades solidarias con Palestina, o concerto Rockerizados, de RockLab, do domingo 15 e os tres pases do espectáculo para bebés O papaventos de Bisán, de Bonnie Cooper, do 21 de marzo.

A véspera desta xornada, unha dos novidades desta edición do Salón, o OrbilFest, «o primeiro festival de música para cativada e familias» que programará as actuacións e espectáculos de Cé Orquestra Pantasma, Trepia, Carla Cecilia Riquelme, Pakolas ou A Banda dos Insectos na que será a súa primeira actuación na cidade de Pontevedra.

SERGIO SUEIRO

No que respecta a primeira fin de semana do Salón, o sábado está previsto desenvolver o Encontro de Mediación Lectora da Fundación Xistral, ademais de obradoiros de videoxogos e terá espacial protagonismo Palestina coa instalación artística Enlázate a Gaza, o taller creativo Un lugar posible, a sesión de contos Desde o río ata o mar do Colectivo Xurelo ou o concerto Cancións pola paz.

En canto ao domingo, entre outras propostas, os asistentes poderán gozar con contos e danza para bebés, obradoiros de bordados a cargo da autora do cartel do Salón, a artista Maritza Berttilini, ou descubrir a Pontevedra lorquiana nunha xornada que rematará cun espectáculo que mestura maxia e música presentado polo Mago Paco.