Castelao, José Freixanes ou Mercedes Ruibal protagonizan o 2026 no Museo de Pontevedra
PONTEVEDRA
A pintura «A derradeira leición do mestre» marca a programación do ano
27 feb 2026 . Actualizado a las 10:56 h.Nun ano no que a programación cultural do Museo de Pontevedra vai estar marcada pola exhibición do cadro A derradeira leición do mestre, de Castelao, esta entidade volverá a apostar, por unha banda, polo diálogo entre pasado e presente, entre os seus fondos e a arte contemporánea, a través das propostas Infiltracións e Bifrontes, e, por outra, pola perspectiva inclusiva. Deste xeito, e con respecto a esta última, Ángeles Tilve, directora do Museo, precisou que se seguirán a desenvolver e ampliar os programas dirixidos a persoas con problemas de saúde mental, así como os centrados en persoas con diversidade funcional e para as familias con membros diagnosticados de autismo, de igual modo que se ampliará a oferta de visitas guiadas con interpretes de lingua de signos e innovarase coas visitas virtuais en lectura fácil.
No que respecta as exposicións temporais, estas estenderanse ata outubro, xa que as salas permaneceran pechadas o último trimestre do ano para acometer unha serie de traballos de mellora e mantemento. Inauguradas xa as mostras San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada e Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX, entre maio e xuño poderase gozar con Arte en parella. Mercedes Ruibal - Agustín Pérez Bellas, que estará comisariada por Cristina Villaverde Ruibal, mentres que entre xuño e setembro o óleo A derradeira leición do mestre exporase por segunda vez en Galicia e por primeira en Pontevedra dende que foi pintado en 1945 por Castelao no exilio en Arxentina e como homenaxe a Alexandre Bóveda tras o seu asasinato polos sublevados na Guerra Civil.
A intención do Museo de Pontevedra é dar contexto a esta pintura, polo que, tal e como remarcou Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, o enfoque vai ser triplo. Por unha banda, o artístico ao situar a figura de Castelao no marco do Museo de Pontevedra, organismo que alberga unha das maiores coleccións de obras do rianxeiro; por outro, a memoria histórica, centrándose no trasfondo da obra e da situación vital do galeguista —«es absolutamente necesario contextualizar este cuadro en el ámbito de la memoria histórica y de lo que fue», incidiu Domínguez—. E, como terceiro eixo, o fenómeno da emigración: «El siglo XX en Galicia no se puede entender sin estudiar la emigración», apuntou.
José Freixanes
En paralelo, exhibirase José Freixanes, eternos son os soños. Obra pictórica 2026-2025, exposición que o artista pontevedrés deixou practicamente rematada antes de falecer o pasado novembro. Posiblemente, esta sexa a primeira mostra individual que o Museo lle adica a este autor, do que se poderán observar medio cento de pinturas.
E como remate no ámbito expositivo, Bifrontes, unha nova colaboración coa Facultade de Belas artes na que se contrapón as dúas esculturas bifrontes do Museo — un busto galaico romano tallado en granito e unha herma en mármore coas cabezas de Zeus-Amón e Xano— coas propostas contemporáneas. E entre medias, dúas novas edicións de Infiltracións, o proxecto que invita a dialogar a artistas actuais, neste caso Iria Lombardía e Berio Molina, cos fondos do Museo.