As Mulleres Que Opinan celebran un «centenario» con perspectiva de xénero da man de Olga Viza e García Aller

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O foro conmemora o paso dun cento de participantes nos seus oito anos de existencia

14 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidindo coa conmemoración este luns do Día das Escritoras, confirmouse que Pontevedra acollera o 24 e 25 de outubro baixo a denominación de 100 Mulleres Que Opinan unha homenaxe as cen xornalistas que participaron entre os anos 2018 e 2025 no foro de xornalismo e opinión con perspectiva de xénero As Mulleres Que Opinan Son Perigosas. Deste xeito, está previsto que a visita de Olga Viza e Marta García Aller sexa o prato forte dunha programación que se desenvolverá entre o Teatro Principal e o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

Susana Pedreira, impulsora desta iniciativa xunto a Diana López Varela, ten claro que «oito edicións e cen mulleres que opinan merecían unha celebración». Neste senso, López Varela insistiu na necesidade de seguir a reivindicar un xornalismo «con perspectiva feminista», toda vez que «o feminismo segue aí, como contrapunto e loitando polos dereitos das mulleres».

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Anabel Gulías denunciou que dende determinadas institucións seguen facendo «negacionismo do feminismo e da violencia machista», mentres que o vicepresidente provincial Rafa Domínguez definiu este encontro como «unha gran festa» na que «queremos que ninguén falte para convertela nunha celebración do xornalismo, da opinión e do compromiso coa sociedade».

No que respecta a programación, os actos comezarán o venres 24 de outubro, ás 20 horas no Teatro Principal, coa representación de Señoras y señoras, a cargo das xornalistas María Guerra e Mariola Cubells, un espectáculo que «está xirando por toda España e que naceu, precisamente, grazas á súa participación nas edicións de 2023 e 2024 deste foro», apuntou Domínguez. Posteriormente, xa o sábado, pero no Edificio Castelao, desenvolverase un encontro coas xornalistas Olga Viza e Marta García Aller, que amosarán a súa visión desde o ámbito estatal, e María Varela e María Hermida, que aportarán a óptica local, «que sempre está representado neste encontro», lembrou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra.

Ademais, o Museo será o espazo elexido para a estrea dunha peza audiovisual documental centrada no público asistente ao encontro e na que se recolle «o impacto persoal que tivo na súa vida e na súa autoestima» este foro de opinión con perspectiva de xénero. Tal e como sinalou Rafa Domínguez, é unha homenaxea a «un público moi activo, moi atento, moi respectuoso e con ganas de aprender, co que amosamos que este foro non é soamente un escaparate onde as mulleres xornalistas narran as súas vivencias, senón un espazo de encontro onde todas son benvidas».

Os asistentes que acudan aos actos deste sábado, por outra banda, recibirán un exemplar da publicación 100 mulleres que opinan. Un diario de opinións perigosas, libro que recolle os testemuños das cen mulleres que participaron entre os anos 2018 e 2025. Trátase dunha obra que conta cunha tirada de mil cincocentos exemplares que conta con ilustracións de Bea Gregores e que recolle as opinións agrupadas por temáticas: referentes e pioneiras, xornalismo e redes, opinar sendo muller, feminismo e activismo, maternidade e conciliación, ciencia e saúde e a voz das nenas.

Formato «bullet journal»

O libro remata cun centenar de páxinas en formato bullet journal para que sexan as persoas lectoras as que deixen aí as súas propias opinións, «porque non tería sentido chamarlle a algo ‘diario’ sen darlle a oportunidade ás persoas que o posúen de deixar a súa propia pegada».