A editorial Kalandraka acaba de publica a edición en portugués deste libro sobre a Revolución dos Caraveis
15 ene 2025 . Actualizado a las 14:43 h.Coa versión en portugués recen saída do forno, Tereixa Constenla recoñecía que tiña moitas expectativas sobre como ían recibir «os protagonistas, que moitos deles colaboraron no libro, e os lectores en xeral» do país veciño unha obra, Abril é un país, que aborda un episodio crucial da súa época moderna escrito cunha mirada foránea. «Das lecturas parciais que fixeron algúns dos protagonistas do libro, estaban contentos», recoñecía a xornalista semanas atrás en vésperas da saída ao mercado dun libro ao que Kaladraka substituíu o subtítulo de «Os heroísmos descoñecidos da Revolución dos Caraveis» por «Um olhar estrangeiro sobre os heroísmos da Revolução dos Cravos».
—Por que estando tan preto, coñecemos tan pouco da historia recente de Portugal?
—É sorprendente. Ese foi un dos motores que me levou a escribir o libro. Cando cheguei alí dinme conta de que, máis alá de ter mitificado o que foi a Revolución dos Caraveis, realmente non sabemos moito do que aconteceu, nin sequera de quen foron os principais protagonistas. Foi un pouco o que a min me chocou en min mesma, que son, ademais, unha persoa interesada pola historia contemporánea. Pensei que este descoñecemento era un despropósito nun país que forma parte do mesmo territorio físico, da península, xeograficamente falando, porque politicamente é un país independente.
—Pero, cales poden ser as razóns que expliquen isto?
—Eles soen saber un pouco máis de nós, que nós deles. Coñecen máis autores españois do que os lectores españois coñecen da literatura portuguesa, por exemplo. Isto acontece en todo, acontece na historia, acontece noutro tipo de arte, acontece coa música, acontece en todos os ámbitos. Seguimos vivindo un pouco de costas, máis alá de certos sectores que si que teñen moita conexión, moito interese. A nivel de poboación en xeral, vivimos un pouco de costas. Pero si é certo que nos últimos anos todo este movemento que hai de gran intercambio turístico entre os dous países, tanto de portugueses que viaxan a España como a inversa, hai como máis achegamento, aínda que sexa un pouco efémero, superficial, o propio dunhas feiras. Pero si que, de certa maneira, estamos descubrindo máis aos veciños ao outro lado da raia.
—Retomando algo ao que fixo referencia antes, temos moi mitificado a Revolución dos Caraveis. Este libro contribúe a darlle un recoñecemento histórico ao mito? Non sei se me explico...
—Penso que o libro non desmitifica a revolución nos feitos que teñen que ver co 25 de abril. O 25 de abril, cando contas o que pasa ou investigas no que pasou, aínda che parece que está pouco mitificado. As cousas que ocorreron, falo incluso de cousas que eran despropósitos ou surreais e dicías que non pode acontecer isto... A anécdota do vehículo militar que para no semáforo cando vai ceder a revolución. Hai un montón de cousas así, que son moi propias do carácter portugués e que son realmente insólitas. Foi unha revolución pacífica eminentemente, a pesar de que houbo catro ou cinco mortes o día 25 e unha ao día seguinte, pero foi eminentemente un golpe militar pacífico, sen violencias, no que os militares que dan o golpe non queren vingarse dos que están oprimindo o país desde fai décadas. Isto é o que fai que a revolución fose mítica. Empeza cunha canción, a de Grândola, Vila Morena, e sigue dun xesto espontáneo dunha camareira que reparte cravos —caraveis— aos soldados e que os poñen nos canos do fusil. Todo estaba preparado para converter isto nun mito. O que aconteceu despois non é tan mitificable. E esa é a parte que eu penso que non se coñece tanto na Galiza nin no resto de España. A verdadeira revolución empeza o 25 de abril de 1974 e a remata o 25 de novembro de 1975.
—Como foron eses meses?
—Eses dezanove meses son totalmente convulsos, tensos, onde hai moitas forzas opostas que queren un modelo diferente de país e un sistema político distinto para o país. E entran en tensión e entran en choque. Hai intentos de golpe de Estado, un do propio Espino, no que estaba no poder e trata de facerse co poder porque el pensa que a revolución estáselle indo das mans. Hai tensións desde a ultraesquerda revolucionaria, que quere levar o sistema político máis alá dunha democracia convencional europea, occidental, digamos. E logo, unha dereita que quere recuperar o que acaba de perder co fin da ditadura. Hai demasiadas tensións dentro dos militares, dentro dos partidos políticos, unha loita pola heximonía entre o Partido Socialista e o Partido Comunista, que foron os verdadeiros resistentes á ditadura durante todas esas décadas e o Partido Socialista acababa de nacer en 1973 en Alemaña e, sen embargo, é o partido que gaña as primeiras votacións democráticas á Asemblea Constituinte. Hai unha tensión entre a lexitimidade política que consigue o Partido Socialista nas urnas e a lexitimidade revolucionaria que ten o Partido Comunista nas rúas e máis outros grupos de ultraesquerda. Hai moitas tensións entre políticos, entre militares, entre nostálxicos da ditadura, entre vangardas revolucionarias... e todo isto leva o país ao borde dunha guerra civil. Esta parte da revolución que é moito menos mítica, porque foi violenta, houbo atentados, estaba o terrorismo de extremadereita poñendo bombas nas sedes de partidos da esquerda, no sur había ocupación de terras por parte dos xornaleiros... Todo un país fervendo. E era, por outro lado, lóxico porque eu non coñezo cambios de réxime que sexan doados, nin rápidos, nin doloroso. Non é fácil conseguir iso. Foi un período polo que tiveron que pasar ata estabilizar o país, entrar nunha senda máis convencional e, se queres, máis aburrida, claro.
—«Abril é un país», ademais, permítenos achegarnos a historias persoais que para moitos. de nós eran descoñecidas?
—Descubrir fora de Portugal porque en Portugal son coñecidas, ao mellor algunhas máis superficialmente que outras. Salgueiro Maia é un mito para os portugueses, pero os españois non saben moito de Salgueiro Maia. E, sen embargo, é unha persoa que merece converterse nun símbolo a nivel case mundial por como xestionou, foi unha persoa clave para que a revolución saíra como saíu. Con outra persoa, con outro carácter, ao mellor, a revolución triunfaba, pero triunfaba ao mellor a costa de sangue nas rúas. Pero non é só Salgueiro Maia, hai outras persoas. É o caso do cabo que está dentro do carro do combate, que está ao servizo da ditadura, e que desobedece a orde de disparar. É un contributo para a paz daquel día e é un contributo para o triunfo do golpe militar esencial. Foi tan importante como os que estiveran conspirando nove meses e foi unha persoa que estivo no anonimato durante corenta anos. Ninguén sabía cal era o nome do cabo, descubrírono un xornalista, Adelino Gomes, e un fotógrafo, Alfredo Cunha, cando estaban investigando por un libro e conseguiron dar co José Alves da Costa. Claro, conto esta historia do cabo Costa, que tamén é outra maxia daquel día, que estivo a punto de desaparecer sepultada pola amnesia colectiva.
—Que foi o máis complexo á hora de abordar este libro?
—O máis complexo foi tratar de entender o post, o despois da revolución, eses meses. E, sobre todo, tratar de entender que pasou o 25 de novembro cando hai un movemento militar, que algúns chaman contragolpe, que é o que, digamos, acaba coa esquerda revolucionaria que tiña o poder nos cuarteis e acaba tamén coa esquerda revolucionaria que tiña poder nas rúas. Son os militares moderados, que eran de esquerda, pero moderados, que moitos deles son os que fixeran o propio 25 de abril e saen á rúa contra os antigos compañeiros que estaban nunha órbita máis esquerdista, máis radical, e aí hai moitas dúbidas sobre se houbo un intento de golpe de Estado planificado pelo Partido Comunista, cosa que o Partido Comunista sempre negou, pero hai outros testemuños que din que si. Os propios historiadores portugueses aínda non teñen claro que pasou aquel día, nin os historiadores, nin os militares. Entender ese episodio, onde hai tantos axentes, tantas versións contraditorias, custoume bastante e aínda non estou moi segura de que acabara de entendelo.