Contacontos e un percorrido literario no Museo de Pontevedra co gallo das Letras Galegas

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Foto de arquivo dos fondos do Museo de Pontevedra
Foto de arquivo dos fondos do Museo de Pontevedra CAPOTILLO

Ademais, a web da Deputación habilitará un espazo centrado nos autores homenaxeados o 17 de maio

02 may 2024 . Actualizado a las 17:23 h.

Co arranque de maio, a Deputación de Pontevedra dá inicio ao mes das Letras Galegas cunha serie de actividades encamiñadas a poñer en valor a figura de Luísa Villalta. Deste xeito, o Museo programou un contacontos e un percorrido literario «para afondar na traxectoria da escritora», mentres que «na web institucional recóllese a ficha didáctica sobre a autora homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas neste 2024».

Deste xeito, este xoves pola mañá, así como a deste venres e a do vindeiro martes, 7 de maio, desenvolveranse unha serie de contacontos ilustrados sobre a autora coruñesa. Trátase dunha actividade de Polo Correo do Vento deseñada especificamente para un público escolar, a partir de cuarto de primaria, que relaciona a Villalta cos fondos existentes no museo, de tal como que, «mentres o narrador trata a biografía adaptada de Luísa Villalta, o ilustrador crea un mural relacionado».

Ademais, contémplase a realización dun obradoiro de debuxo, no que o alumnado terá ocasión de facer unha caricatura da escritora.

Posteriormente, este sábado, a partires das 12 horas, terá lugar un percorrido literario tamén a cargo de Polo Correo do Vento. Así, ao longo dunha horas aproximadamente, os participantes visitarán as salas do Museo relacionando os seus fondos coa obra de Luísa Villalta e doutras autoras e autores que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas. Dende a Deputación de Pontevedra precisaron que para esta actividade non é necesaria a inscrición previa.

En paralelo, a Administración provincial habilitará na súa web unha sección que, baixo a denominación de O camiño andado das letras, recollerá unha colección de fichas didácticas con información sobre todos os autores e autoras homenaxeadas co gallo do Día das Letras Galegas, desde o seu establecemento o 17 de maio de 1963. A intención é que cada ficha conte con dúas versións, para público adulto e infantil, compostas por «cadansúa ilustración, unha pequena biografía, un apartado de grandes éxitos, un pequeno fragmento dalgunha das obras da súa autoría e mais un apartado para colorear no caso das versións infantís».