Guadi Galego, cantante: «'Síntese Horizonte' fai un percorrido que vai do máis escuro e doloroso ata a esperanza»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Sandra Alonso

A cantante levará o 13 de abril ao Principal o terceiro e derradeiro dos concertos exclusivos de «Síntese Horizonte»

07 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 13 de abril, Guadi Galego ofrecerá no Teatro Principal de Pontevedra o terceiro e último dos concertos exclusivos de presentación da súa nova proposta, Síntese Horizonte. «É un espectáculo que fai un percorrido polo meu último disco, Roibén, pero tamén é un espectáculo de vida, non da vida propia, senón de moitas. Fai un percorrido que vai do máis escuro e doloroso ata a esperanza. Hai moito contraste. Hai moita escuridade, pero tamén un montón de luz, como nas vidas», remarca sobre un concerto no que a acompañarán Guillerme Fernández, ás guitarras, Rubén Iglesias, no baixo e sintetizadores, Isaac Palacín, na batería e percusión, Álex Fernández, nos teclados, e un coro conformado por Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez.

—Por que optou polo formato de tres concertos exclusivos para presentar «Síntese Horizonte»?

—Sempre penso que é un agasallo que me fago a min mesma. Permíteme levar a miña música a un concepto estético, escénico, musical, de arranxo... Levo catro mulleres que fan voces. É intentar levar a música que teño nos meus discos e na miña cabeza a unha escena determinada, cunha luz determinada, cunha poética musical, estética e escénica que só se pode dar no teatro porque se require esa atención. De feito, todos os espectáculos que faremos fora non poderán ser así, terán que estar adaptados.

CRIS PADÍN

—Precisamente, en relación con isto último, despois do concerto de Pontevedra cal será o seguinte paso?

—Faremos concertos en prazas e onde nos leven, pero serán concertos un pouco diferentes a estes. Aínda que a esencia está aquí, temos que adaptalos porque non se poden facer igual que nun teatro. Incluso, o repertorio é diferente. Será un espectáculo distinto, aínda que o xerme e a esencia sexas as mesmas.

—É diferente o publico que vai a estes concertos de «Síntese Horizonte» do que va a outros espectáculos noutros escenarios?

—Todos os públicos son distintos. Eu non me atopo cun mesmo público nunha praza que nun teatro. E aínda que poidan coincidir, pero a xente que vai a un teatro xa vai cunha atención distinta e, incluso, cunha expectativa diferente. Son públicos distintos ou, máis que públicos distintos, públicos que se comportan doutro xeito diferente. E non digo que sexa mellor ou peor, é diferente. Eu son das que reclamo diferentes tipos de palcos porque hai xente que se sinte máis cómoda nun teatro, hai xente que se sinte más cómoda nun festival... É importante adaptar o teu espectáculo ao tipo de público que está aí.

—En setembro do ano pasado, sacou «O.D.A», que significou este sinxelo?

—Basicamente, é unha filosofía de vida dentro da madurez. É dicir, a exaltación das vivencias vidas pasadas, presentes e futuras. Fala dunha muller que xa está na madurez, que non son eu, pero é extrapolable a moitas mulleres. É aceptar o pasado para poder vivir o futuro cunha aprendizaxe moito máis grande e, sobre todo, como moitas gañas de seguir aprendendo, vivindo e sentíndose máis viva que nunca. Que ese camiño que xa vamos cara a vellez, que xa estamos nos 50, que nos queda menos vida da vivida, sexa moi ilusiónante.

PIXELIN PHOTO

—Ante aludía a que os repertorios son diferentes en segundo que escenario, pero que poderemos atopar no Principal?

—As cancións do disco de Roibén, pero cancións tamén pasadas e moitas adaptacións dos temas. Vamos a ver dende cousas moi íntimas, cousas escuras ata moita esperanza, ledicia, humor... É un espectáculo de vida e na vida hai intimidade, dor e todas as emocións. A xente que o viu di que é concerto moi emocionante. Hai moita emoción no que se vive aí. E con moita calidade por parte dunha equipa absolutamente entregada. Nove persoas en escena, que é moi difícil de ver nestes momentos, máis os da luz, os da escena, os do son, de produción... Moita xente traballando a prol dun espectáculo que quere ser emocionante. No me gusta falar moito do que espera ver a xente porque o que mola é que sexa a xente a que diga «que vin alí».