Xosé Cobas, ilustrador de 'Azucre': «Non hai un final especifico, concreto e de punto e final»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

KALANDRAKA

O ilustrador, xunto coa autora Bibiana Candia, participará esta tarde na presentación no Culturgal da versión en galego da súa novela que publica Kalandraka

27 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das citas desta xornada de clausura do Culturgal é a presentación no Espazo Libro da edición en galego de Azucre, de Bibiana Candia (19.40 horas), que edita Kalandraka con ilustracións de Xosé Cobas (Logrosa, Negreira. 1953). «Supuxo un certo reto —recoñece este último— porque é unha historia que ten unha certa complicación á hora de facer unha interpretación visual, gráfica. Hai tres partes bastante diferenciadas, tres luces: a luz galega, a luz do Caribe e logo hai a da travesía que fan os mozos que van para a Habana. Fixen un pouco como un narrador omnisciente que vai parando en determinados espazos para sacar os elementos que máis me interesan a hora de contar dunha maneira paralela a como o conta Bibiana Candia procurando non repetir, non caer en redundancias. E logo hai unha mirada á historia da arte. Procedo do mundo da pintura e, neste caso, hai reflectidos elementos propios da historia da arte, pintores como Magritte, aparece a barca de Caronte... Non quero desvelar moito».

—Á hora de ilustrar os persoaxes reais da novela, acudiu a imaxe reais ou deixouno todo á imaxinación?

—Neste traballo hai unha parte descritiva, hai unha interpretación como moi mistificada da realidade pola miña parte, pero tamén hai unha certa representación. Non me refiro tanto aos personaxes, que son imaxinarios, non hai ningunha faciana que se recoñeza, pero si hai aspectos que eu detallo. É o caso da máquina de moer a cana do azucre. Estes mecanismos sempre me interesaron moito e aparecen en moitas das miñas representacións gráficas. Quizais esa sexa unha das partes máis descritivas. É unha metáfora nalgúns casos, simbólica, pero noutros é descritiva. De feito, esa máquina se a poñemos a funcionar, non funciona, non vai trillar a cana. É un invento como os ingenios que lle chaman na novela.

—Antes aludiu a Bibiana, deulle algunha indicación sobre as ilustracións?

—Bibiana é un encanto. Deixoume todo a liberdade do mundo. Eu ía informándolle e ela aportoume, iso si, documentación que ela tiña e da que se valeu para elaborar a propia novela dende o punto de vista descritivo. Logo, claro, hai a parte creativa que non ten nada que ver con esa descrición real. Isto foi un feito real, que aconteceu, pero está narrado dun xeito tan fenomenal que da moitísimas imaxes. Iso é algo que un ilustrador agradece moito. Pero tamén é certo que un texto que contén excesivas imaxes tamén é complexo, complícate tanto a vida como outro que é máis plano. Neste caso hai un equilibrio ponderado. E deixoume toda a liberdade e hai, se non recordo mal, entre quince ou dezaseis ilustracións. É un libro ilustrado e son bastantes imaxes tendo en conta que non é unha novela grande. Foi un proceso moi bonito.

—E trasladou algunha experiencia persoal?

—Hai a parte do mar, a da travesía que deuse a circunstancia de que eu tiven a experiencia de cruzar o Atlántico en barco. Ao chegar as Azores, houbo un temporal bestial deses nos que os picados e os contrapicados se suceden dentro do que é o barco. Ves o mar coma unha montaña ameazante alá arriba e aos quince segundos veste na cúspide desa montaña. E eu que na miña vida navegara... Iso produce, aparte do medo e da aprensión, uns mareos bestiais. Por iso identifiqueime con estes rapaces que nunca tiveran contacto co mar e que, de pronto, vense metidos neses veleiros, que se menean moito máis que un barco dos outros... Ou supoño eu por ese arbolado que levan. Dicíame que «esta xente non me éstrana que tivera a Caronte moi presente» porque estaban convencidos de que ían cara a morte. É unha sensación durísima a de marearse.

—Cal foi a parte máis complexa do seu traballo en «Azucre»?

—A parte máis complicada posiblemente foi o final da historia, como pechamos esa historia. Todos os comezos e finais, tanto na escrita coma na ilustración son procesos complexos, pero esta novela ten un final moi aberto. E eu tiña que buscar ese final aberto e, de feito, esa última ilustración é como unha suxestión ao lector, que vai ir un pouco polos derroteiros que marca o texto e eu insinúo determinados derroteiros. Non hai un final especifico, concreto e de punto e final. Quizais foi a parte á que lle di máis voltas. Isto si que o tratamos a autora, Bibiana, e, incluso, con Manuela [Rodríguez], que é a editora de Kalandraka. Estivemos valorando as moitas posibilidades que había... Ou as poucas ás que se nos quedaba reducido. Foi o máis complexo.