«Isto é un soño»: a sorpresa dos nenos de Barro a Aida, das Tanxugueiras

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A cantareira foi recoller un premio que lle otorgaban os cativos do colexio e atopouse con moito máis ca iso

04 nov 2022 . Actualizado a las 20:21 h.

«Isto é un soño para nós, hai futuro para a nosa lingua e cultura. Fainos sentir completas como músicas, persoas e galegas». Esas foron só algunhas das palabras que este xoves deixou escritas Aida Tarrío, unha das compoñentes de Tanxugueiras, no libro de honra da biblioteca do colexio público de Barro, o CEIP Amor Ruibal. A cantareira chegou a Barro para recoller o premio Mimi, un galardón que entrega o citado centro educativo a persoas ás que lle quere recoñecer o uso, difusión e defensa da lingua e da cultura galega. Pero atopou moito máis ca iso: levou un longo abrazo dos nenos, que durou horas, e que deixou momentos moi emotivos

O premio Mimi, con trece anos ás súas costas, é toda unha institución no colexio e incluso en todo o municipio de Barro. Distintas entidades propóñenlle candidatos destacados no eido da defensa da cultura e a lingua galega aos nenos de quinto curso do Amor Ruibal. Eles investigan sobre a súa labor e encárganse de transmitir esas pescudas que fixeron ao resto dos compañeiros do centro. Despois, democraticamente e dunhas eleccións que os meniños toman moi en serio, sae o gañador. Os comicios son tan importantes no centro que, como recorda o director, Rafael Ruibal, un ano a nai dun neno que non asistira a clases porque estaba enfermo tivo que levalo a propósito a votar porque non quería perder semellante momento. Así, cada ano son os propios rapaces os que elixen gañador. Na primeira edición entregáronlle o seu galarón ao exciclista Ezequiel Mosquera, doutra ocasión a Mucha e Nucha e recentemente elixiron como gañadora á atleta Ana Peleteiro. Desta volta, as gañadoras eran as Tanxugueiras

O centro quería entregarlle xa o galardón o curso pasado, porque o premio adoita coincidir coas Letras Galegas, pero a frenética axenda das cantantes non lles permitía vir recollelo. Esperouse ata agora, e pagou a pena. Onte, xoves, Aida Tarrío desembarcou na Nave da Música de Barro, onde a agardaba todo o colexio e onde foi recibida como unha auténtica heroína. Os nenos que investigaron sobre ela (que agora están en sexto curso) tiñan preparada unha sorpresa. Caracterizados coas vestimentas fetiche das Tanxugueiras, tiñan preparado un baile e as súas gorxas para entoar Terra. Aida Tarrío sumouse a cantar con eles.

No escenario tamén se colou Mimi, que lle da nome ao premio e que é a mascota do colexio. Nesta ocasión, Mimi era de carne e óso. E Aida, directamente, dixo que a quería levar para a casa. Houbo abrazos, moita espontaneidade e a sensación, como ben deixo escrito Tarrío, de que a cultura galega ten futuro dabondo en Barro.