A gran mestra do thriller psicolóxico, por fin en galego da man de Kalandraka

PONTEVEDRA

KALANDRAKA

A editorial pontevedresa acaba de publicar «Carol» e proximamente «O talento de Mr. Ripley»

10 oct 2022 . Actualizado a las 16:12 h.

Considerada como a gran mestra do thriller psicolóxico, a obra de Patricia Highsmith (1921-1995) nunca ata o de agora fora publicada en galego. A editorial pontevedresa Kalandraka acaba de empezar a solventar este déficit coa publicación de Carol, obra á que seguirá proximamente O talento de Mr. Ripley. En ámbolas dúas obras, a tradución corre a cargo da viguesa María Alonso Seisdedos, quen ven de recibir o premio Plácido Castro 2022 pola tradución de Canto jo i la muntanya balla Canto eu e a montaña baila—, de Irene Solá e tamén publicada, pero o ano pasado, por Kalandraka.

Pese a que Highsmith estará sempre asociada á novela negra, Carol non se encadra neste xénero. Publicada en 1952 baixo o título de O prezo do sal e co pseudónimo de Claire Morgan, non sería ata 1989, case que catro décadas máis tarde, que a norteamericana decidise xa editala co seu nome e cun novo título, Carol. «Non ten nada de novela negra», sinala María Alonso, ao tempo que explica que, no seu momento, foi publicada con pseudónimo porque «é unha novela, moi resumidamente o seu argumento, sobre unha moza que se namora dunha muller con todos os problemas de conciencia de non entender o que lle pasa».

Esta novela foi a segunda que escribiu Highsmith tras Éstranos nun tren —anos máis tarde sería levada ao cine por Alfred Hitchcock— e, dada a súa temática lésbica e a época, os seus editores rexeitaron publicala. Finalmente, G. P. Putnam's Sons accederon a editala e o certo é que foi un éxito de público inmediato vendéndose máis dun millón de exemplares. «Decidimos manter o título de Carol porque foi o último título que ela elixeu. Supoño que con O prezo do sal ela intentaba ocultar un pouco de que ía o libro», engadiu.

Cando a María Alonso se lle pregunta polo seu proceso de traducir a Highsmith recoñece que a súa resposta só pode ser «un pouco prosaica». «Pois como me enfronto a todas as traducións —apunta—, empezando polo principio e escavando pouco a pouco. Ten moita ciencia, pero tampouco sei explicar moi ben... Kalandraka encargoume esta tradución e, sinceramente, abordeina como calquera outra. Logo xorden distintos problemas en cada tradución, pero o proceso para min é sempre igual».

Incide en que, «ao principio cústame moito porque tes que adaptarte ao estilo de cada obra, pero despois, unha vez tes o borrador feito, xa empeza todo a soar mellor».

En canto ao premio Plácido Castro, confesa que «supón un estímulo para seguir traducindo porque este é un oficio que esixe un nivel de cualificación alto que, ao final, economicamente non se ve demasiado recompensado. Que digan que esa obra que traduciches é merecedora dun premio, relativizando moito o que son os premios, pois estou moi agradecida».

A este respecto, a viguesa destacou o feito de que o nivel da tradución que, hoxe en día, se fai en Galicia «é bastante alto», circunstancia que realza máis, se cabe, o traballo que realizou coa obra de Irene Solá. A este respecto, tras sinalar que ela non se presentou ao premio, apuntou «que alguén decidise escoller esta obra e que houbese outras dez máis que se presentaron ou que o xurado decidiu que merecían estar como candidatas ao premio... A alguén lle tiñan que dar o premio. Chega o momento e hai que tomar unha decisión», engade ao respecto.