Rafael Quintía dirixe o documental «A Parroquia do Alén» no que aborda a relación que existe coa morte, como se xestiona e como se interacciona co máis alá
24 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A cultura da morte en Galicia é o eixo sobre o que pivota A Parroquia do Alén, o documental dirixido por Rafael Quintía e no que amosa «a relación que temos coa morte. Esa convivencia que existe, sobre todo, na cultura tradicional e como eses mecanismos que había da xestión do tránsito, da xestión da dor... funcionaban de xeito extraordinaria estanse perdendo. Estámoslle dando as costas á morte», lamenta o pontevedrés.
En todo caso, A Parroquia do Alén vai, sendo redundantes, máis alá e aborda o aspecto fenomenolóxico. Isto é, como na cultura galega está perfectamente integrada a interacción coa morte. E o caso, tal e como apunta Quintía, das persoas que presenten que a morte avisa ou que ven defuntos.
«Tal vez é o aspecto máis vinculado ao mundo das crenzas», apunta lamentando o feito de que, en demasiadas ocasións, estereotipouse ou asimilouse a supersticións. De feito, non se trata só de falar da Santa Compaña, senón dunha «realidade do noso país, que está viva, que non so existe nos libros de etnografía... É unha realidade cultural que afecta a moitísima xente de todas as idades, de todos os rangos, de todos os perfís sociais... Non entramos a xulgar o que pensa, o que sinte, o que ve a xente», remarca.
En definitiva, o obxectivo último deste documental é diseccionar a maneira «tan especial» coa que os galegos temos de interaccionar e xestionar a morte e o máis alá.
Para acadar este obxectivo, a cámara do antropólogo recorreu, ao longo do ano pasado, distintas localizacións de Galicia buscando «diferentes visións». Deste xeito, reuniu os testemuños de persoas anónimas e acompañounos cos de tres sacerdotes que ofrecen a visión da Igrexia católica, pero tamén cos de antropólogos, historiadores, psicólogas e forenses. «É moi coral. Participa moita xente de moi diferentes campos», apunta remarcando que, nunha sociedade como actual ,«aínda existe esa posibilidade de comunicación con iso que chamamos a parroquia do alén, a parroquia do máis alá. A morte non rompe o vínculo afectivo ou familiar e, incluso, é posible esa comunicación».
Neste punto, Quintía confesa que o que más lle sorprendeu foi constatar «a eficacia e a validez que tiñan estes mecanismos sociais de xestión do tránsito e da dor, e o sentido que tiñan todos os rituais. Pero, sobre todo, ver como é absolutamente normal na nosa cultura que a xente teña experiencias que noutros lugares chamaríanlle sobrenaturais ou estrañas, pero que aquí é totalmente habitual (...) Creo que o 90 % da poboación ou tivo algún tipo de experiencia persoal ou coñece a algunha persoa próxima que interpreta un presaxio de morte ou que interpreta unha visión como a dun espírito. Esta fenomenoloxía é algo habitual na nosa cultura. Non entramos a analizar que hai detrás, pero é unha realidade que non causa ningún tipo de problema».
A situación actual
Algo que tamén se percebe no documental con un certo poso de tristura é que moita desta forma de relacionarnos coa morte e os defuntos estase perdendo. É algo que Rafael Quintía recoñece: «Estanse perdendo os mecanismos culturais e sociais que existían para xestionar a morte, o tránsito ou, incluso, o dó das persoas. A veciñanza acompañaba e a familia sentíase arroupada. Eran mecanismos moi eficaces».
Hoxe en día, en opinión do director de A Parroquia de Alén, a sociedade vida de costas á morte: «Todo ten que ser bonito, marabilloso... E falar da morte é algo feo. Mellor non saber nada».
Unha postura que pode conlevar o risco de non asimilar a morte, de que pase a converterse «nun trauma cando antes formaba parte da vida. Hai que darlle naturalidade ao que é a morte. É algo polo que —incide o propio Rafael Quintía—, tarde ou cedo, imos pasar todos».