A primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega acaba de ser galardoada co Otero Pedraio
14 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Cando recibiu a chamada da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, para comunicarlle o premio Otero Pedraio, Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1952) «non pensei nos primeiros segundos da conversa que me estivese chamando para comunicarme unha nova tan boa como esta. Pensaba que necesitaría algún tipo de enderezo ou que me ía pedir axuda dalgunha maneira para comunicarlle o premio a outra persoa». A primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega, cargo que ostenta dende o 2018, deixa claro que se trata dun «premio moi prestixioso e leva o nome dunha figura da nosa cultura á quen eu, persoalmente, sempre admirei moito, aínda que poida haber moita distancia con respecto a el e o seu pensamento nalgúns puntos. É algo que me ilusiona especialmente e o feito de ser compartido con Menchu Lamas, que é unha muller importantísima dentro da nosa cultura, tamén o fai aínda máis emotivo».
Catedrática na área de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade de Santiago, da que foi vicerreitora de profesorado entre 1990 e 1994, e directora do Departamento de Filoloxía Galega de 1995 a 1999, Rosario Álvarez foi directora do Instituto da Lingua Galega durante oito anos, os comprendidos entre o 2005 e o 2013. É integrante do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), é coautora de dúas gramáticas do galego, con Henrique Monteagudo e Xosé Luis Regueira (1986) e Xosé Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega, institución na que ingresou no 2003 e onde coordinadora do Seminario de Gramática e é directora da Sección de Lingua.
Un dos campos no que Rosario Álvarez é especialista é o da gramática e a lingüística, áreas nas que na actualidade existe o debate en torno á linguaxe inclusiva: ¿un síntoma de as linguas están vivas ou é algo forzado? «As linguas están vivas —responde ao respecto—, porque de non estar vivas, malo. O que está viva é unha sociedade que lle reclama á lingua modos de expresar aspectos que antes, digamos, non había ese coidado en expresar. A lingua ten que responder as necesidades comunicativas, expresivas, de contidos... da sociedade que a fala e ten que poñerse ao día continuamente. A lingua galega do século XVIII non é mesma que a do século XIX ou do XX, porque houbo unha evolución».
De igual modo, no século XXI «hai conceptos que os nosos avós non tiñan que expresar, porque non existía ese concepto e non tiñan o léxico», pero, de igual modo, «se a sociedade preocupase por visibilizar unha igualdade tamén de xénero, a lingua ten que dotarse dos recursos necesarios. É unha demanda da comunidade lingüística que fala esa lingua». En todo caso, considera que esa acomodación da lingua á nova necesidade «debe facerse cun xeito, con cautela, tino e non de maneira excesivamente artificial. Hai que ter un tempo para reflexionar sobre cales poden ser os trazos que dende a autoridade lingüística se impulsan».
Rosario Álvarez, aínda que recoñece que é difícil autodefinirse porque «un pode tender a ser autocompracente», considerase «unha persoa optimista, creo que non optimista dunha forma irresponsable, senón unha persoa que confía en aspectos que están da nosa man. Confío na educación e está na nosa man procurar unha boa educación para todo mundo e inclusiva en todos os sentidos para que cada xeración estea máis e mellor educada que a anterior. Confío na reflexión e no dialogo. Aquel refrán de que ‘falando enténdese a xente’ e unha verdade. Non hai fendas que non se poidan encher cando un dialoga reflexivamente. E confío en que a educación e o dialogo reflexivo conducen a reforzar os afectos entre xente que pode ter posicións moi diferentes. Sempre traballei en equipo, sempre promovín crear redes de apoio, de intercambios... No meu barco non vou soa. Hai moita xente que pon vento nas miñas velas e eu recoñézoo. Sei que este premio é de moita xente máis que está aí. Son moitas e moi diversas as persoas que impulsaron o meu barquiño dende que nacín na Fonte dos Tornos de Pontevedra».
Si lle preguntan a Carmela Silva, a súa resposta é que a presidenta do Consello da Cultura Galega «é unha das mulleres máis relevantes da cultura en Galicia». «Ogallá sexa verdade!», afirma Álvarez Blanco: «Son consciente da posición que ocupo, pero penso que somos moitas as mulleres as que estamos na cultura galega nos distintos niveis e con distintos tipos de contribucións (...). A maquinaria do ecosistema cultural galego está sendo movida por mulleres. e moitas delas teñen un peso específico», engade asumindo que «para o ego pode ser gratificante, pero, insisto, por sorte para este país hai moitas mulleres relevantes na cultura galega. Moitas máis das que se darán premiado».