Rogelio Tarrío: presidente e remeiro para vogar un club

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Martina Miser

Tras facer historia no veciño Mecos, Gelo fixo o propio na súa terra con Vilaxoán, consolidándoo na LGT

11 oct 2021 . Actualizado a las 12:09 h.

 Gelo Tarrío érguese cada día para traballar cando o sol nin está nin inda se lle espera. Con xornadas de tres da madrugada a tres da tarde a maior parte do ano, incluído o máis cru do cru inverno, co único luxo de poder saír da cama tres horas máis tarde nos meses do verán para vivir da pesca da lura e do chopo enrolado nun barco de baixura. Con todo, a Gelo Tarrío quédalle corpo e peito para seguir volvendo de segundas ao mar case a diario a bater un pesado remo xunto aos seus compañeiros de traíña do C.R. Vilaxoán, mentres se ocupa desde hai sete anos de boa parte da xestión do club na súa presidencia. Un exercicio de funambulismo con moi contados exemplos no seu deporte, que o arousán chegou a complicar nun máis difícil inda compaxinando entre o 2015 e 2018 as funcións anteriores coas de adestrador da traíña da entidade.

Antes, Tarrío fixo historia no remo galego e español. No veciño C.R. Mecos. O club que o fichou en 1999 vendo o potencial dun rapaz de 19 anos iniciado no mar con 10 na Asociación Cultural Fogar do Pescador da súa Vilaxoán, que pasou despois pola sección de remo do Liceo Marítimo de Vilagarcía e que, desaparecida esta, se reenganchou á que describe como «unha roda na que cando te metes é un non parar» en canto tivo a ocasión, colaborando co grupo de fundadores do Club de Remo Vilaxoán en 1998.

Para entón, aquel chaval quedara felizmente atado polo afecto a un deporte no que descubriu en toda a súa dimensión o valor do «compañeirismo» entre iguais, conscientes todos da súa responsabilidade para co resto; porque «se ti non vas ao mar, os compañeiros tampouco poden baixar».