«Pillar nun concerto o coronavirus... é máis fácil que che caia un meteorito enriba»

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

ESMERARTE

Eladio Y Los Seres Queridos actúan esta noite nas pistas de Campolongo de Pontevedra

10 ago 2020 . Actualizado a las 15:14 h.

É un dos pratos fortes da xornada de hoxe das festas da Peregrina. Eladio Y Los Seres Queridos aterran esta noite (22.30 horas) nas pistas de Campolongo de Pontevedra cun novo traballo, Academia.

-Como definiría este disco?

-A verdade é que para min, e xa sei que vai sonar tópico...

-Non mo diga, é o mellor disco de Eladio Y Los Seres Queridos...

-(risas) Absolutamente. O teño clarísimo. Con moita diferenza, é o mellor, pero tamén é o máis longo e o que ten máis riqueza de sons. É o que mellor representa ao grupo. Tiña a idea de que soase coma un grandes éxitos dun grupo descoñecido. Tiña que ter moita variedade, cancións que, incluso, parezan que son de épocas distintas. Ten moitas texturas, moitos cambios... Como si o produciran en diferentes momentos diferentes produtores. É un disco no que perfeccionamos o noso método de gravar. Fomos a pola maxia. Démoslle moitas voltas e adicámoslle noites enteiras.

-Como se presenta o concerto?

-Agora en todos os concertos temos unha ilusión total. Decateime de que agora me custa rematar. Estou tan a gusto que digo «tocamos outra, tocamos outra...». É certo que temos partes moi cañeiras e botamos de menos o movemento do público dun concerto pre-covid, pero podemos tocar as cancións lentas. Isto non sei se está ben que o diga, pero todas as cancións que tíñamos en plan «esta é moi lenta, a ver como facemos», agora non temos problema.

-Creo que variou a conformación do grupo?

-Variou algo moi esencial. Levabamos sempre unha pista de pregrabados para catro ou cinco temas e iso atábanos un pouco. Eran temas importantes. Incorporamos outro teclista e o anterior é quen leva toda a loxística. Non tivemos unha perda. Podemos improvisar moito máis, facer cada concerto moito máis aberto. Podemos voar moito máis. Ademais, na cuarentena púxenme as pilas con algunhas cousas, por exemplo, coas guitarras. Púxenme a estudar para eliminar carencias, vicios que tiña e tocar cun pouco máis de riqueza e profesionalidade. Estou todo o rato desexando ir a tocar.

-Fala do confinamento, pero como observa o futuro?

-A ver como se presenta agosto. Hai algunhas datas, pero non sabemos se pode haber confinamentos selectivos, pode haber cousas que se anulan, que se adían para uns días despois...

-Teño a sensación de que agora hai un maior recoñecemento á vosa labor?

-En España hai unha tradición anticultural, hai unha cultura da anticultura, pero, por outro lado, hai moita afección. É como cando se di que non se le en España, pero hai moita produción de libros. É unha relación de amor-odio. 

-E logo está toda a seguridade que rodea aos espectáculos públicos?

-Pillar nun concerto aquí o coronavirus... é máis fácil que che caia un meteorito enriba. É imposible. O concerto é moitísimo máis seguro que unha terraza, que un supermercado. Non houbo ningún rebrote en ningún concerto en toda España. Entendo que hai que insistir moito nesto de diferencialo dunha discoteca as dúas da mañá. Non ten nada que ver. Amor do público pola música quedou claro tanto na cuarentena como agora. Hai unha necesidade. A cultura xera riqueza económica e da outra. Os países máis ricos do mundo non é que por ser ricos exporten a súa cultura, é porque son cultos, exportan a súa riqueza. Falta conciencia nas institucións do que representamos. Están os topicazos estes de que somos uns subvencionados, son tonterías... dende a cultura o que pedimos é que non se nos acose, que non se nos trate como vendedores de armas ou de drogas, e que se permitan facer cousas. Non representamos unha actividade perigosa.

-Falando das institucións, o certo é que unha das poucas cousas que tivo a pandemia é que os organismos e administracións puxeron a vista na cultura local programando aos artistas do país. Empezase a valor máis o noso que o de fora?

-Isto é moi interesante. As veces, parece que vivimos unha loita do local contra o de fora. Pero é algo que pasa noutros ámbitos, como no turismo. A xente di: «este ano en lugar de ir a tal, quedámonos por aquí». Isto é marabilloso. É unha gran observación. Na música hai moitos grupos e o que precisan é rodaxe. Ningún grupo chegou convertido nuns Michael Jackson... Os grupos, a medida que teñen máis fama, teñen máis medios. Vanse retroalimentando, vanse facendo máis grandes e van facendo un espectáculo máis profesional. Teñen nivel porque puideron rodar. Si iso o sembras no propio entorno, consegues que logo os grupos poidan saír de Galicia e triunfar. É unha inversión de futuro, pero no so cultural, tamén é económica. Un grupo pode ser moi importante para unha cidade, para un país. Pensa en U2 o que supón para Irlanda. Xera máis pasta que algúns ministerios. Imaxina que houbera un grupo así, coñecido internacionalmente, en Galicia...