Flores, premios e versos na Festa das Letras máis virtual

b. c. / J. B. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MARTINA MISER

O estado de alarma obrigou a suspender moitos actos, pero Carvalho Calero non quedou sen homenaxes

18 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cambados foi un dous poucos concellos que decidiron manter a tradicional ofrenda floral das Letras Galegas, aínda que houbo que facela con máscara e gardando as distancias. Foi, coma sempre, ao mediodía, ante a escultura dedicada a Ramón Cabanillas e coa presenza de escritores que leron poemas e glosaron a figura do autor homenaxeado este ano. No paseo da Calzada soou a música de gaita ao mesmo tempo que a Banda de Vilagarcía interpretaba o himno galego a través do perfil do Concello en Facebook.

As redes socias convertéronse onte no mellor refuxio á hora de lembrar a Carvalho Calero. A elas recorreron concellos, escolas de música, asociacións e ata algún dj que cada véspera do 17 aproveita para pinchar en galego.

Con todo, na axenda do día houbo algunha outra convocatoria con asistencia presencial. O alcalde de Meaño achegouse á enseada do Umia, onde se instalou un gran libro rotulado co nome de Carvalho Calero e aproveitou para pedirlle aos veciños responsabilidade á hora de cumprir coas normas de mobilidade. O Concello de Lalín celebrou unha charla de Daniel González Alén e Cecilia Doporto sobre a relación de Carvalho Calero co Deza e con figuras lalinenses como a do astrónomo Ramón María Aller, do que tamén falaron. Outra figura das letras no Deza, Manuel Varela Buxán, foi lembrado nesta iniciativa municipal. E a asociación cultural Vagalumos de Tabeirós-Terra de montes divulgou unha conferencia de Carvalho Calero xunto a un artigo sobre Marcial Valladares e fixeron una lectura de textos e sonetos do escritor ferrolán.

Non faltaron os concursos literarios, tamén convocados a través das redes sociais, dos que onte xa se coñeceu algún resultado. No caso da Estrada, na modalidade de micropoemas gañaron Mario Moimenta Brey, Fabiola Valiña Sainz e Alba Moimenta Brey, mentras nos microrrelatos o fixeron Aitor Gestoso Fuentes, Santiago Gómez Mella e Pablo García Collazo. Os traballos gañadores quedarán recollidos nun libro.