Culturgal propón «darlle unha volta á feira»

La Voz

PONTEVEDRA

CEDIDA

Pontevedra acollerá a finais deste mes unha nova edición da máis importante feira cultural de Galicia

25 nov 2019 . Actualizado a las 21:03 h.

Dálle unha volta á Feira! é o lema que lanza Culturgal en 2019 para convidar a entidades, patrocinadores, empresas, profesionais, artistas e, por suposto, ao público a ser parte dunha nova edición da festa da cultura feita en Galicia. Do 29 de novembro ao 1 de decembro, será a oportunidade de atoparse no Pazo da Cultura de Pontevedra con autoras, autores, artistas, xornalistas, músicos, xentes do teatro, do cinema e da televisión, e coñecer as novidades e o que virá na cultura en Galicia. Á presentación do programa asistiron o director de Culturgal; Jacobo Sutil, director da Agadic da Xunta: Carmela Silva, presidenta da Deputación; e Carme Fouces, concelleira de Cultura en Pontevedra.

A feira espalla as súas liñas de programación en diferentes escenarios. O espazo infantil contará con contacontos, baile, obradoiros e ciencia. O «foro» será o espazo recollido de presentacións e encontros profesionais. Na «carpa» haberá unha dotación técnica excelente para espectáculos cun aforo máximo de 400 persoas. O espazo dos «libro» será a referencia para o encontro entre autores e público con todos os premios, novidades e lanzamentos a curto prazo. E por último está o «cinema», unha sala na que atoparse coa colleita audiovisual do ano e adiantarse ao que virá.

Miguelanxo Prado, Ledicia Costas, Óliver Laxe, Marful, Chévere, Quico Cadaval, Sabela Ramil, Mabel Rivera, El Hematocrítico, Dios Ke Te Crew, Berta Dávila, Tanxugueiras, Xurxo Souto... son algúns dos nomes propios que estarán na nova edición do Culturgal.

Con 85 stands no recinto e 18 no Espazo Arte Contemporánea, o percorrido pola Feira ofrecerá unha panorámica da actividade cultural con galerías, editoriais, librarías, axencias culturais, artesáns ou compañías, entre outros moitos protagonistas. Un ano máis, empresas e expositores que apostan pola Culturgal como escaparate do seu labor e como presentación das súas novidades.

Culturgal é a festa da cultura feita no país, pensando en todas as idades, pensando en todo o potencial do territorio e pensando tamén en todo o que queda por facer na diversidade e accesibilidade. A Feira tamén recolle as preocupacións, ferramentas, accións e proxectos de axentes e públicos ao redor dunha cultura verdadeiramente inclusiva. Así, nesta edición haberá moitas propostas e colaboracións con entidades e profesionais especialmente centrados na accesibilidade e na diversidade: co Centro de

Recursos da ONCE de Pontevedra potenciando a formación dos profesionais da cultura, con Entresignos, empresa que traballa coa lingua de signos, sesións de contos inclusivos de ContAZ, sesión DJ do sábado 30 a mediodía na que se probarán novas ferramentas para a comunidade xorda ou con problemas auditivos...

En canto ao Espazo Arte Contemporánea da Culturgal volverá a contar co Museo de Pontevedra, o CGAC e a Bienal de Cerveira, tres institucións que traen a súa mellor imaxe á Feira. O espazo tamén acollerá dúas exposicións: fotografía co premio Luis Ksado da Deputación da Coruña e «O Camiño de Santiago Debuxado», unha proposta do Xacobeo con Joaquín González Dorado.

No caso do cinema, cunha

programación coordinada por Agapi, Culturgal 2019 acolle a preestrea de Eroski Paraiso, película de Jorge Coira e Xesús Ron, e recibe a Óliver Laxe que presentará o pase de O que arde

A carpa Culturgal para a música ao vivo acollerá quince concertos.