«Temos que converter o Museo nunha factoría de coñecemento»

PONTEVEDRA

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Aposta por coñecer os motivos que leven ás persoas a non visitar museos «para tratar de captalas»

22 abr 2019 . Actualizado a las 20:36 h.

Tras ser designado como novo director do Museo Provincial de Pontevedra, José Manuel Rey García comezou onte a tomar contacto con esta institución para, deste xeito, «coñecer profundamente a súa situación, as cousas que se están facendo, as liñas de traballo que están xa consolidadas». Estes cimentos, tras «unha reflexión sosegada e tranquila», servirán a Rey García para empezar a planificar o futuro dunha institución que Carmela Silva, presidenta da Deputación, non dubidou en recordar que é «un dos museos máis importantes do conxunto do estado español».

O novo director, que toma o relevo de Carlos Valle, esbozou algunha das súas apostas que buscan «manter a esencia, pero, ao mesmo tempo, mirar máis lonxe. Abrir o foco para convertelo nun verdadeiro museo do século XXI». Calidade e innovación son solo dúas das súas premisas, encamiñadas todas elas na dirección de «xerar non so ideas, senón por converter o Museo nunha factoría de coñecemento, de emocións, de experiencias...».

Neste eido, aludiu a que hai determinada xente -a definiu como «non público»- que non visita estas institucións culturais, polo que avogou por coñecer os motivos que a levan a adoptar esta postura e, deste xeito, ter ferramentas para «para tratar de captala». Neste sentido, incidiu en potenciar a vertente social do Museo de Pontevedra, que se traduciría na «idea de reforzar a participación, de fomentar o diálogo e o debate crítico, de apostar por unha industria social na que todos se vexan reflectidos».

Tratase, de igual modo, de garantir a accesibilidade cognitiva e sensorial, toda vez que a física está practicamente garantida. En definitiva, que «todo o mundo poida visitar o Museo en condicións de igualdade», remarcou José Manuel Rey, quen fixo referencia ao seu interese pola internacionalización, «por traspasar fronteiras».

Promoción turística

Pola súa parte, Carmela Silva situou o Museo como o corazón da promoción turística da provincia, toda vez que son máis os visitantes que se achegan a Pontevedra buscando algo máis que sol e praia. «A cultura é unha das grandes potencialidades da provincia», insistiu, ao tempo que remarcou que esta institución é un instrumento de desenvolvemento.

Acompañada polo deputado Xosé Leal, coincidiu con Rey García en que «temos que darlle un pulo máis potente aínda». «O Museo de Pontevedra é moito máis que un museo, é unha institución que conta toda a nosa historia, pero tamén a historia dos outros pobos cos que nos relacionamos», engadiu, ao tempo que apostou por «centrar o Museo no século XXI sen deixar de ollar ao pasado».