A oito meses das eleccións, Lores recoñece que non se pode «durmir nos loureiros».
-¿Non existe certa dose de crispación na política local? ¿Qué pensa vostede cando lle chaman prepotente ou soberbio?
-Eu estou orgulloso do traballo que estou a facer, porque creo que teño motivos para estalo, Non quere dicir que non sexa crítico ou que non haxa que mellorar cousas. Estamos ben e non te podes durmir nos loureiros, pero tamén tes que vender positividade e que a xente se sinta orgullosa coma eu desta cidade. Si te sentes orgulloso e traballas e aportas, será mellor para todos.
-A oposición di que está canso, agotado, sen ideas...
-Ando pola rúa e percibo a sensación da xente, e non é esa. Noto moito cariño, Que a oposición me critique é algo que vai no seu papel, pero o importante é o que pensen os cidadáns, e eu percibo outra cousa. Falo deste momento, ¿eh? Non sempre foi así. No 2007, cando baixamos a sete si había xente enfadada pola rúa. O problema é que a xente que protesta ou que critica ou que insulta, que son os menos, teñen fortes altavoces. E si alguén di que isto vai medianamente ben, pois xa lle tacha de adicto ao réxime ou que ten aducido o alcalde. Claro que todo é mellorable, pero eu boto en falta propostas construtivas de verdade.
-O BNG vai recuperando a nivel xeral.
-Esa pequena sangría que tivemos, que eu penso que era necesaria...
-Home, alcalde, pequena, pequena non foi...
-Non. Foi pequena. Empeza a pensar quen marchou do BNG e pódelos levar para casa a todos. Eu non quero que volvan. Nunca o quixen.
-Nas eleccións do ano que ven vai votar xente que naceu sando vostede alcalde. ¿Non é un pouco excesivo?
-Ultimamente estou dicindo sen ningún tipo de complexo que o feito de estar vinte anos na alcaldía é un mérito. Hai xente que o pon coma algo malo, pero eu penso que estar tanto tempo é un valor engadido. E hai que estar orgulloso. Eu o estou. De levar 31 anos no Concello, 19 gobernando e que sigamos medrando. Será que estamos a facer algo ben. Ou moi ben. O outro día mo dicía unha señora: «Eu voto pola xente que me fai feliz, que me fai a cidade agradable». Iso é o mellor que se me pode dicir.
-Moita xente pensa que cando Lores marche, o BNG perderá a alcaldía.
-Iso está por ver. Eu non teño esa percepción. Os que estades aquí todos os días sabedes que isto é un equipo. Eu son a cabeza visible, e se teño unha vantaxe é que teño facilidade para as relacións sociais, xenero empatía... pero isto é un equipo. A política é marcar ritmos, marcar obxectivos... Se ti non tes unha dirección, non sabes onde vas, te estrelas por moi guapo que sexas. A percepción que hai... os cidadáns perciben que mellorou a calidade de vida, que hai unha boa xestión, que non facemos cantos de sirena...
-¿Onde se ve dentro de cinco anos?
-O outro día dixen iso de que xa penso a cinco anos vista porque temos xa unha planificación a curto e medio prazo. E tamén a máis lonxe.
-Ou sexa, que o seguinte, se repite, non ten por que ser o seu último mandato
-Non vou a contestar a esa pregunta porque a miña experiencia dicindo cousas así non é nada boa. Entón imos pensar no presente.