Selectivo, ¿non apto?

La Voz PROFESORA DE ENSINO SECUNDARIO

PONTEVEDRA

25 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada ano vemos repetirse as mesmas imaxes nas televisións: adolescentes nerviosos, preocupados, esgotados despois do esforzo de todo o curso e da última semana de acelerón final. A presión polos resultados lévaos a apurar as súas forzas. Enfrontarse a cinco exames diarios con media hora de descanso entre eles, non é unha broma. Para os observadores pode ser algo repetido, case rutinario. Pero para eles trátase dun momento trascendental, case un rito de madurez; tamén a incertidume e o medo ante o futuro descoñecido contribúe a ennegrecer o seu estado de ánimo. Ata agora pais e profesores tomaron por eles case todas as decisións, case todo vén feito; despois da selectividade (ABAU, oficialmente, pero que máis ten) serán eles os responsables da elección do camiño a seguir.

Nese trance necesitan do noso apoio, da nosa guía. E a Administración non llelo pon nada fácil. Este ano, cambios nos programas en febreiro ou marzo. Parte do alumnado atopouse con que un cambio lexislativo mediado o curso impedíalles subir nota, ao retirar as asignaturas das que se matricularan da lista das materias das que se podían examinar, os cambios de última hora nas ponderacións… E para rematar, os horarios dos exames fixeron coincidir á mesma hora asignaturas ás que tiñan dereito a presentarse. Solución houbo, si: impedíndolles saír a descansar, pasando directamente dun aula a outra.

A normalidade no desenvolvemento das probas pasa por unha máis coidadosa supervisión: un plantexamento erróneo, un signo mal colocado ou calquera omisión involuntaria nun enunciado convértese nun elemento desestabilizador que ocorre con frecuencia. Este ano tocoulle á optativa de Economía de Empresa. Máis respecto aos seus dereitos, máis sensibilidade, máis empatía, axudarían a que ese trance de madurez se vivise con máis naturalidade, máis seguridade, e de seguro con máis éxito.