«Xa non nos ven como un elemento exótico»

Carmen García de Burgos PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

A decana presume de ter en Pontevedra un microclima favorable á arte contemporánea que hai que exportar a outros sitios

07 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Silvia García (Cangas, 1973)abre hoxe a primeira Xornada sobre educación e formación en arte contemporánea dende museos, centros de arte, fundacións e institucións, que se celebra na Facultade de Belas Artes.

-¿Como a saúde da arte contemporánea en Pontevedra?

-Por unha banda, aquí están saíndo xeracións moi ben formadas e informadas do que se fai en distintas partes do mundo; cada vez viaxan máis e fan prácticas no estranxeiro. Pero tamén formamos parte dun sector moi precarizado, así que estamos moi contentos das relacións institucionais, de que haxa unha fundación dun coleccionista, a RAC. En Pontevedra temos un microclima favorable, pero no resto da sociedade falta coleccionismo, falta que os alumnos, cando acaban, teñan un horizonte aquí. Decatámonos de que nós somos un dano colateral da desaparición das antigas caixas de aforro, que investían moito en cultura e agora están sen cartos. Fáltanos que a xente aposte polo pequeno coleccionismo, que saiba que a arte contemporánea non é o que sae nos medios de comunicación sobre un artista que vende por 20.000 euros un obxecto, senón que se pode comprar unha serigrafíao un gravado por 20, 30 ou 40 euros dos nosos artistas de vinte e pico anos.

-¿Cales son os peores clichés aos que se enfronta?

-Hai unha visión de tres ou catro artistas que son como os best sellers da literatura, e é unha situación paralela noutros ámbitos. E enmascaran a realidade do 90 % da xente, que non pode vivir do que fan. Eu estou orgullosa de que a nosa colaboración co Hospital Provincial deu os seus froitos. Temos moita demanda social e un lugar na sociedade que temos que reivindicar e visibilizar, e dalgún modo facer que unha persoa que acabe a carreira lidere o seu proxecto, e non esperar a que o chamen.

-¿Como está a formación na arte contemporánea dende institucións en Pontevedra?

-En Pontevedra temos un microclima porque temos unha exposición anual dos alumnos que acaban a facultade no Pazo, unha de arte contemporáneo no Museo de Pontevedra, así que a relación funciona ben. Nós o problema que temos é que se visualice fóra. Creo que hai un microclima onde funcionan as relacións institucionais pero precisamos redes de traballo.

-En Pontevedra a arte está moi integrada na cidade. Entendo que a presenza da facultade é a chave.

-Si, eu fun alumna da segunda promoción, traballei no CGAC e volvín, pero nun primeiro momento case non había universitarios, e despois de 25 anos (o ano pasado), a cidade xa se acostumou a a que haxa performances dos alumnos de Belas Artes polas rúas. Xa non nos ven como un elemento exótico do mapa universitario.