«O que nos queda é tocar, gozar; é para o que estamos»

carmen garcía de burgos PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

MIGUEL VILLAR

Milladoiro farán esta noite, na praza de España, un repaso pola súa discografía, que comezou hai a frioleira de 35 anos

14 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Moncho García Rey (Catoira, 1952) é un dos músicos máis veteranos e admirados de Galicia. Tamén o son os seus 11 compañeiros de formación, e tamén son todos da provincia de Pontevedra. É o bo de Milladoiro, que iniciou a súa carreira musical en 1979 e tocará mañá ás 22.30 horas na praza de España, que apenas precisa presentación.

-A un grupo que se lle compara con The Chieftains, ¿que máis lle queda por facer no mundo folk?

-O que queda é tocar, facer o que nos gusta, gozar, que nós o pasemos ben, seguir disfrutando da música. Iso é para o que estamos e para o que nos dedicamos a isto. Xa tocamos practicamente en todas partes do mundo, e o que nos queda é seguir tocando e seguir sendo felices tocando a música do noso país.

-¿Cal é o segredo para seguir xuntos logo de tanto tempo?

-Eu sempre digo que para que un colectivo permaneza xunto moitas veces é a base da renuncia individual. Creo que o segredo de calquera relación é a renuncia individual en favor dun proxecto común. E nunha parella é igual. Hai que ter a capacidade de renunciar para facer viable unha relación. E o segredo de Milladoiro é ese.

-Teñen portadas moi coñecidas e moi diferentes. ¿Teñen algo que ver coa súa evolución musical?

-Hai moitos artistas que o primeiro que fan antes de poñerse no estudio a preparar un disco é buscarlle un nome e facerlle unha portada. Nós sempre o deixamos para última hora. Evidentemente, nas portadas houbo artistas moi distintos, dende as primeiras -co amigo Piñeiro-, ata algunha na que participou Paco Leiro, ou Fausto. Pero si, cremos que tanto o título coma a portada teñen que ver algo co contido e o propio disco, e nese senso sempre fomos un pouco eclécticos, nada uniformes, faciamos o que en cada momento nos parecía oportuno.

-Como grupo de música tradicional, ¿prefiren os sistemas de gravación máis artesanais, ou os avances máis modernos?

-Somos individuos vivos, músicos, e co paso do tempo aparecen recursos e posibilidades que hai trinta anos non había, e cada cousa ten o seu momento e o seu tempo.

-¿Que vai atopar o público que vaia velos en Pontevedra?

-O primeiro que vai atopar é un grupo encantado de volver a Pontevedra, feliz. Ten en conta que nos tocamos moitísimas veces en Pontevedra nestes 25 anos, en tódolos seus espazos, prazas e acontecementos. Imos facer un percorrido pola nosa longuísima discografía, facendo unha escolma dos temas que creo que neste momento lle vai apetecer escoitar ao público.

moncho garcía rey percusionista de milladoiro