Ao redor de corenta rapaces participaron onte en Lalín no encontro dixital dos axóuxeres, unha iniciativa da secretaría xeral de Política Lingüística a través do programa Fala Redes, no que se integra o Concello lalinense, e que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega entre os máis cativos. A actividade desenvolveuse ao mediodía no museo municipal Ramón Aller, mentres estaba programada tamén na Casa da Cultura de Silleda ás 18 horas.
Presentación en Pontevedra
Doutra banda, no ámbito cultural, cómpre sinalar a presentación hoxe na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, da décimo novena edición do premio nacional de xornalismo gastronómico Álvaro Cunqueiro, que convoca o Concello de Lalín en colaboración con asociacións gastronómicas de Galicia. O acto comeza ás doce horas, e contará coa asistencia do alcalde José Crespo Iglesias e do concelleiro de Turismo, José Antonio Rodríguez, xunto co decano da facultade pontevedresa, Juan Manuel Corbacho, que estará acompañado do seu homólogo compostelán, Xosé Pereira.