Cando eu era rapaz, estudante de Bacharelato no instituto da Alameda, agora Sánchez Cantón, antes Masculino, a tertulia dos profesores era na cafetería Lar. Hoxe xa non existe, a carón das Ruinas de San Domingos. Non había moitas mesas, pero alí xuntábanse pola mañá os funcionarios do Concello, do Goberno Civil e da Deputación, e pola tarde, os profesores do instituto. Case que podo dar os seus nomes: Filgueira Valverde, Celestino Noya, Isidoro Millán, Antonio Lino, Marcelino Domínguez? Non digo que foran sempre os mesmos, seguramente deixo algúns fóra: Carlos Villar, Mariano García? Tampouco lembro mulleres no grupo. Eran outros tempos. Pero un dos que non faltaba nunca era Torrente Ballester, que entón daba clases no Femenino, pouco antes de marchar de profesor aos Estados Unidos. Nesa tertulia naceu unha das súas grandes novelas: La Saga/Fuga de JB. Contoumo moitas veces. «A meirande parte das historias que se recrean no Castroforte do Baralla son historias pontevedresas que escoitei na tertulia do Lar». Nós, os rapaces, agardabamos a que os profes rematasen, xogando ás bolas, lonxe de imaxinar o que alí se estaba cocendo. De seguro que tampouco o sabían os seus protagonistas. Pero igual que na casa dos Muruais naceron seguramente as Femeninas de Valle-Inclán, igual que nos mármoles do Café Moderno debuxáronse algunhas das viñetas máis populares de Castelao ou nas mesas do vello Savoy discutían o seu plan editorial os amigos da colección Benito Soto, La Saga/Fuga de Torrente naceu naquelas xuntanzas.