Unha cidade para todos

Chelo Lago consuelo.lago@lavoz.es

PONTEVEDRA

19 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Dentro das actividades enmarcadas na Semana Europea da Mobilidade organizadas polo Concello e para remarcar a accesibilidade dunha cidade que pretende ser de todos, onte levouse a cabo un roteiro turístico polo centro histórico para persoas en cadeira de rodas e os seus familiares. O día acompañou pois o sol luciu durante toda a mañá e as obras de accesibilidade fixeron que o paseo non tivese impedimento algún. O roteiro, dunha hora de duración, comezou na avenida de Santa María e rematou na Peregrina, logo de percorrer zonas como a praza do Teucro, Curros Enríquez ou A Ferrería, con explicacións da guía. Xornada de pesca. Tamén onte, neste caso organizado por Amizade, a Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca de Pontevedra que preside Paulo Fontán -quen por certo, estivo no recorrido polo centro histórico-, levouse a cabo unha xornada de pesca no peirao das Corbaceiras. Participaron unhas 25 persoas que tomaron boa nota das experiencias e consellos dos expertos na pesca que os acompañaron, especialmente á hora de preparar o aparello e de lanzar o sedan. E a sorpresa foi a captura non so de pequenos peixes, senón tamén dunha lubina de porte considerable. Helena Cabral, coordinadora da actividade, indicou que a xornada desenvolveuse con normalidade e coa boa disposición de todos os asistentes, que logo reuníronse nunha comida. Por certo, que a lubina e os demais peixes foron devoltos á ría.

Os máis cativos tamén tiveron onte actividades na Festa dos Axóuxeres que se desenvolveu no Recinto Feiral. Os pequenos, de 0 a 3 anos, que acudiron cos seus pais, foron quen de escoitar cantigas e participar en xogos en galego, e tamén de disfrutar do teatro da man do actor Xosé Manuel Olveira, Pico, nunha homenaxe aos avós, en recoñecemento polo seu labor de coidado, educación e transmisión da lingua aos nenos. Trátase dunha iniciativa da secretaría xeral de Política Lingüística que busca favorecer a incorporación do galego á comunicación entre as familias e os bebés.