Un pontevedrés en Cambridge


Xosé Luís Hermoso Buxán ten 25 anos e está a estudar Arqueoloxía na Universidade de Cambridge. Trátase da segunda carreira deste pontevedrés, licenciado en Filoloxía Inglesa. O seu expediente académico impresiona. Comezou no CEIP Campolongo e logo pasou para o IES Torrente Ballester, acadando o premio extraordinario de Bacharelato. Logo foi para Santiago. «Estiven dubidando -comenta- entre facer Historia ou Filoloxía Inglesa, e decidinme pola segunda porque me gustaban moito os idiomas e dábanseme bastante ben». De feito, sempre compatibilizou os estudos coa aprendizaxe de outras linguas. «Estiven na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra aprendendo alemán, tamén fixen en Santiago algúns cursiños de árabe, seis cursos de francés durante a Secundaria e o Bacharelato e dous anos de italiano como segunda lingua na carreira», ao que hai que sumar o español, o galego e o inglés.

En Santiago foi o número 1 da súa promoción, e de feito, o vindeiro martes, en Madrid, recibirá de mans do ministro de Educación, Ángel Gabilondo, o terceiro premio á Excelencia no Rendemento Académico, o que antes era Premio Nacional Fin de Carreira. Ten pensado presentarse a recollelo, se poden saír os vos por mor da nube cinza do volcán islandés. E logo, de volta para Cambridge, que comezan os exames. Semellante expediente require evidentemente moito esforzo. «O que quere algo, algo lle custa ¿non?», pregúntase para engadir que «sempre hai que facer sacrificios pero tamén hai tempo para outras cousas; a cuestión e saberse organizar ben e repartir o tempo de forma que podas compatibilizar o estudo con outras cousas». «Os estudos non te proporcionan todo o que precisas para defenderte no mundo». Apaixonado da lectura afirma que «hai que ler libros aparte dos específicos que estudas na túa carreira, hai que deixarte levar polo que che gusta».

Á marxe dos estudos e da lectura, «gústame a literatura en xeral e a Historia en particular», Xosé Luís Hermoso Buxán é quen de viaxar sempre que pode, «cando teño cartos», comenta entre risos. Ademais tamén é moi afeccionado ao cine e á música. De feito, estudou Piano no Conservatorio de Pontrevedra, e ten o grao medio. E xa na universidade «aprendín a tocar a gaita, sérveme para desconectar». Queda claro que sabe compatibilizar as súas actividades lúdicas coas académicas.

Cando hai dous anos acabou Filoloxía, acordou facer unha segunda carreira, Arqueoloxía. «Durante moito tempo pensei en facer algo relacionado coa Historia e a Arqueoloxía que me gustada dende moi novo. En terceiro de carreira fun a unha escavación arqueolóxica en Romanía e quedei totalmente prendado da materia. Ao seguinte fun a outra escavación en Polonia e xa me metín totalmente». Ao acabar en Santiago, e como en España non había a titulación de Arqueoloxía, decidiu pedir praza en Inglaterra, «que ten moita tradición na materia, de feito, Cambridge foi un dos primeiros lugares onde ensinou Arqueoloxía. O profesorado é moi bo e os recursos tamén. E outra das razóns que me levaron a escoller Inglaterra é que as carreiras so duran tres tanos, e no caso de que me apeteza facer algún tipo de posgrao cando acabe non serían outros cinco anos como en España antes da reforma». Está no Trinity College, «un sitio fantástico para estudar, danche bastante apoio económico, as instalacións son fantásticas... tes todo o que precisas para desenvolver as túas potencialidades ao máximo». Pero para chegar a esta universidade o seu expediente foi decisivo. «Tamén o currículo e as cartas de recomendación dos meus profesores de Santiago». Ademais, tivo que superar unha entrevista persoal. «Estaba un pouco impresionado porque non sabes ao que te vas a enfrontar, pódenche preguntar calquera cousa pero en realidade o que queren non é que teñas dominada completamente a materia senón que teñas entusiasmo, que che guste de verdade a carreira, que saibas razoar, ter capacidade de desenvolver as túas propias ideas....» Sistemas distintos. Non quere comparar as universidades polas que pasou. «O sistema educativo é bastante distinto. Non é necesariamente mellor ou peor, son tradicións distintas e formas distintas». Sobre a súa adaptación confesa que ao principio sempre costa. «Os cinco anos na Universidade de Santiago e outro na de Birmingham como Erasmus axudan pero ao principio costa un pouco porque é algo completamente novo. Pero logo xa ves que todo o mundo está coma ti, e por iso é cuestión de darte conta de que non es nin mellor nin peor que os outros e que se eles poden, ti tamén. Pero a verdade hai que traballar moitísimo, a carga de traballo é bastante máis grande que en Santiago». En Cambridge estudan alumnos de todo o mundo, pero non hai moitos españois nin galegos. «O ano pasado coincidín con dous rapaces de Santiago que estaban a facer un máster en Física e este ano, con outro que está a facer o doutoramento, que por certo estudou Filoloxía Inglesa tamén», comenta quintándose importancia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos

Un pontevedrés en Cambridge