O centro de Solobeira rendeu homenaxe a trinta maiores do lugar, e prepara un memorial sobre Os Campaneiros
17 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.É difícil que levando as contas de ano se ano se perda a memoria, e ese é o segredo empregado polos veciños de Sixto para conservala. O ano pasado celebraron o 30 aniversario da construción do seu centro cultural, o lugar de reunión dos douscentos veciños inscritos de Solobeira e de todos aqueles que os queiran acompañar. Entón acordaron facer a festa todos os anos, polo que este é o 31, o ano que ven, o 32... e así non hai perda.
Pero esa ollada ao pasado que fan os socios do centro cultural e deportivo Sixto non se limita a contabilizar a antigüedade do edificio. Este ano a directiva da entidade, co seu presidente Carlos Valiñas ao fronte, decidiu facerlle unha homenaxe aos maiores do lugar e así, trinta veciños que levan máis de 75 anos vivindo no lugar recibiron onte unha placa de recoñecemento. A maior de todos eles, Socorro Paz, non puido recollela persoalmente, porque aos seus 96 anos xa está encamada. Si que acudiu a polo seu agasallo a seguinte no listado, Manuela García Fontenla, a nai do orgulloso presidente. Julio Betanzos, a piques de cumprir os 75, aínda que non os aparenta, foi outro dos homenaxeados, entre moitos máis. O tenente alcalde de Vilagarcía, Castro Ratón, e máis o presidente da Autoridade Portuaria, Javier Puertas, foron algúns dos que as entregaron.
A voltas coa memoria, o centro prepara tamén un memorial en recordo dos Campaneiros, eses gaiteiros do lugar cuxas cancións recolleron no seu repertorio grupos tan recoñecidos como Milladoiro.
E logo están as obras, xa que o centro está pendente dunha ampliación para construír un auditorio e agrandar a zona de xogo dos nenos.