Documental sobre a vida da guerrilleira Chelo Rodríguez

La Voz

PONTEVEDRA

Consuelo Rodríguez López, máis coñecida por Chelo, é a protagonista do documental La Isla de Chelo, realizado en Francia por Odette Martínez, Laetitia Puertas e Ismael Cobo, e que se proxecta hoxe no Teatro Principal, a partir das 20 horas, con entrada de balde.

A Asociación Sempre con Vós. Cidadanía pola Verdade é a promotora desta proxección, que supón o inicio de actividades en Pontevedra.

La Isla de Chelo recolle a vida de Consuelo Rodríguez, natural de Soulecín, na bisbarra do Barco de Valdeorras, Ourense, onde naceu no ano 1919, no seo dunha familia acomodada, pois o paio fixera unha certa fortuna en Cuba. Na actualidade, a protagonista vive na Ille D'Yeu na costa atlántica francesa. O título alude precisamente á residencia da exiliada.

Tralo golpe militar, no ano 1937, dos dos seus irmáns, que foran chamados á filas polo exército sublevado, foxen ao monte para integrarse na guerrilla. Dous anos despois, un grupo de lexionarios entra no pobo e mata aos pais de Chelo Rodríguez, para que servise de escarmento aos seus veciños. Logo, cunha irmá, a protagonista do documental súmase á guerrilla. Na cinta recóllese as detencións, a clandestinidade, a fuxida a Francia, uns sucesos que conforman unha testemuña e un alegado pola reivindación dos guerrilleiros como loitadores dunha sociedade democrática.

A película presentouse no Barco de Valdeorras ai uns meses, sendo a primeira proxección fora dos foros universitarios. Entón, a realizadora, Odette Martínez, subliñou que «No es un documental histórico objetivo, sino que pretendimos recoger la memoria de quienes hicieron la história, viviéndola en sus carnes. Es un enfoque subjetivo, el relato de su vida». Tamén engadiu que «refleja una actitud ética, política y personal».

Loita

Na presentación do documental en Pontevedra está anunciada a presenza de Francisco Martínez López, Quico, que tamén participou na loita contra os sublevados dende os 17 anos e foi compoñente da mítica guerrilla de Manuel Girón que estivo activa en León e Galicia ata o ano 1951, data na que para salvar a vida pásase a Francia, país onde continúa cas súas actividades antifranquistas.

Francisco Martínez coñeceu a Chelo Rodríguez na súa actividade como guerrilleira e ademais de ser o pai dunha das realizadoras do documental, Odette Martínez, é tamén autor do libro Guerrilleiro contra Franco, A guerrilla antifranquista de Galicia León, editado por Edicións A Nosa Terra no ano 2006, na colección O fardel da memoria. Na obra, Quico Martínez lembra os acontecementos vividos durante todos aqueles anos polas terras de Casaio, O Barco, Vilamartín de Valdeorras, O Bolo e a comarca do Bierzo. Tamén deixa patente a decepción co PSOE e co goberno de Felipe González, que rexeitou no seu día a recuperación da memoria dos guerrilleiros.