As 450 prazas ofertadas no programa de actividades Bocaberta, contos de falar para dinamizar o uso da lingua galega resultaron máis que insuficentes, pois na primeira hora dende a apertura do prazo de inscrición presentáronse 1.893 solicitudes.
O programa da Concellería de Normalización Lingüística en colaboración coa secretaría xeral de Política Lingüística está dirixido aos colexios de infantil e primeiro e segundo ciclo de Primaria.
Os organizadores, que se congratulan da gran acollida deste programa, tratarán de atender ao maior número de peticións de colexios e nenos, e escúsanse por non poder atender todas as solicitudes.
Contos para falar: A fantástica viaxe de Patri é unha montaxe narrativa musical que relata unha viaxe interactiva a través de pezas musicais e de tres contos de situación. Nela cóntase como unha nena vai, pouco a pouco, descubrindo a lingua galega.
As actividades celebraranse os días 25 de novembro, con tres sesións para escolares de primeiro e segundo ciclo de primaria, e 26 de novembro, con outras tres sesións para rapaces de infantil. Será no Pazo da Cultura, en sesións de 9.30, 10.45 e 12 horas, con grupos de 75 nenos por sesión.