A culpa é da caída do muro de Berlín e da Play Station

Chelo Lago

PONTEVEDRA

Os rapaces pontevedreses emularon ao novo mito do atletismo mundial, Usain Bolt, e foron quen de facerse co mais prezado trofeo da Festa do Demo, o rabo do diaño, nun tempo récord: foi saír e quedar mutilado.

O actor Miro Magariños meteuse onte de novo no disfraz de diaño pero vai ter que cambiar de modista no inferno, aínda que el botoulle a culpa ao fío made in China que utilizou para o cosido. Sexa o que fora, o caso e que nada mais saír pola mañá dos Arcos de San Bartolomeu, un rapaz arrancoulle o prezado apéndice. De nada lle valeu o tridente -obxecto logo das preferencias infantís- nin os petardos do seu séquito.

Dentro do seu papel, o demo comentou que pensou electrificalo: «Pensei nun pastor eléctrico pero botoume atrás o tema de levar a batería, que pesa moito».

Outra opción era «facer un modelo reducido tipo silla eléctrica desas que utilizan en bastardos Unidos, pero dábame que ía haber reclamacións polo seguro e non valía a pena». Polo que tivo que seguir o percorrido polo centro histórico co rabo na man, pero moi ben acompañado pola música tradicional de Pai da Cana, que comezou coa Muiñeira de Forcarei para seguir con Paquito el chocolatero e Viva Galicia, entre outras pezas, bailadas polo diaño e algunha que outra rapaza que se prestaba a acompañalo.

Lucifer ten claro que os rapaces cada ano veñen a disfrutar mais do aspecto lúdico da festa, aínda que algúns «son peores co demo», e ata regodéase pensando facer «churrasco de neno, dándolle voltas como fai a tenreira O Bruxo na Feira Franca».

«Vivimos nunha situación terrible -di con falsa seriedade-. Desde que caeu o muro de Berlín, os chavales son tontos. Daquela había unha orientación que agora non teñen, e todo porque caeu o muro, morreron as ideoloxías e agora os rapaces solo coñecen a Play Station e volvéronse parvos, non están socializados, queren gañar sempre e a toda costa...»

Pero durante a hora larga de percorrido -con algunha paradilla para repostar- foron tamén moitos os pequenos que acudiron a xunta do demo para facerse fotos, incluso coas avoas. E o diaño, que non é tan malo como aparenta, deixouse querer.